Home / Opinión / 'Ferrol Rebelde' / En Caranza, en 1914 e en galego!

En Caranza, en 1914 e en galego!

Festa da Árbore celebrada e Maniños (foto: Marcos Abalde)

Festa da Árbore celebrada e Maniños (foto: Marcos Abalde)

MARCOS ABALDE | ‘Ferrol coas Irmandades da Fala’ | Sábado 15 abril 2017 | 12:16

O mestre García Niebla mostrou unha gran sensibilidade ecolóxica e lingüística para a súa época. Impulsou a Irmandade da Fala de Ferrol e tamén a plantación de centos de árbores pola comarca. Case se podería considerar un precursor da ecolingüística.

Como hai especies animais e vexetais en perigo de extinción, tamén hai linguas ameazadas. Cada unha delas posúe un valor intrínseco e porta unha cosmovisión diferente. A ecolingüística procura preservar a diversidade das linguas no mundo.

Para garantir a súa sustentabilidade é preciso coidar o seu ecosistema, é dicir, levala aos xornais, aos grupos de música, ás editoras, aos teatros… Ese soño foi o que realizaron as e os irmáns da fala.

Hai pouco inaugurouse no 3º andar da Biblioteca Municipal a exposición «Ferrol e as Irmandades da Fala». Grazas a ela pódense admirar boa parte das xoias do excepcional patrimonio bibliográfico que produciron os ferroláns máis comprometidos coa dignificación do noso idioma.

Entre estes documentos, unha pequena marabilla: o poema editado pola Mutualidade Infantil da Escola Nacional de Caranza na Festa da Árbore de 1914.

García Niebla organizou esta Festa da Árbore á que asistiron 850 nenos e nenas, dezaoito escolas, seis sociedades agrícolas e catro centros de cultura. En Caranza, en 1914 e en galego! O texto titúlase «As árbores»:

Seculares petrucios dos bosques!
Xigantes da selva,
que aos homiños primeiros do mundo
destes amparo, seguro e defensa!
Quen non sente por vós o respecto
que enfunden as vellas
tradicións e os anciáns que locen
as súas brancas guedellas!
Sen vosoutros, que fora do mundo?
Sen as vosas espesas
raizallas, levasen as chuvias
e ríos, as terras,
até o fundo dos mares, deixando
por todos os sitios cascallos e penas.
Sen as follas fondentes das vosas
ramilliñas tenras,
non tivesen os ventos e airiños
tan grande pureza.
Sen vosoutros, o mundo nun ermo
trocado veríase de croios e areas.
Oh, cañotas furadas do souto!
Oh, piñeiros das serras! (…)

*Os roteiros ‘Ferrol coas Irmandades da Fala’ guiados por Marcos Abalde son todos os sábados de abril ás 17:00 horas na praza de Amboage e coa entrada de balde. Inscrición previa no teléfono 698 157 414 ou no enderezo electrónico gnl@ferrol.es.

Comentar

Su dirección de correo electrónico no será publicada.Los campos necesarios están marcados *

*

En Ferrol360 utilizamos cookies para que tengas la mejor experiencia de usuario. Si continúas navegando, estás dando tu consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies. Puedes pinchar el enlace para tener más información. ACEPTAR
Aviso de cookies