Home / Cultura / «En Ferror Records apostamos pola música cunha identidade propia»

«En Ferror Records apostamos pola música cunha identidade propia»

TEXTO e FOTOS: ALICIA SEOANE| Ferrol | Xoves 17 xuño 2021 | 14:00

Tomamos un café no Lusitania antes de que Sergio Sequeiro entre a traballar nun comercio da rúa Real. É venres, son as nove e el xa leva unhas horas dándolle voltas á cachola. Mozo inquedo e de falar dubitativo, foi uns dos compoñentes de Carrero Bianco —banda local cunha ampla repercusión dentro e fóra da comarca—. Actualmente, ademais de pinchar e experimentar coma un cativo que nunca se aburre, tamén forma parte da produtora de discos Ferror Records.

Ao inicio da conversa eliximos o idioma no que imos falar e finalmente decidimos o galego. Sergio cada vez está máis mergullado en proxectos que teñen raíces en Galicia e dende o inicio son promotores con Ferror Records do talento feito na casa. Estamos nun tempo moi parado para os directos e tamén para esa capacidade que ten a música de poñernos a bailar e movernos co mesmo son dos outros, son tempos de distancias sociais e dun estraño silencio que se fai aburrido… Pero estes meses serviron para outras cousas, para darlle unha volta a forma de producir e para seguir facendo música.

FERROL360 – Como comezas a meter o pé no mundo da música?

SERGIO SEQUEIRO – A min a música gústame de sempre. Hai unha cousa que ten pinchar e é que si te gusta a festa estas aí coa xente conectando con eses subidóns e con esa enerxía que da a música. Eu comezo a pinchar con 17 anos e o que me motiva da música é moito esa parte da festa, saber que a xente pode sentir o mesmo que ti estás a sentir. Moita enerxía… Tiven aí unha transición porque eu son inquedo e gústame experimentar! Eu pinchaba xa a finais dos noventa, principios dos 2000, tiven unha pequena parada porque estaba desmotivado e non tiña moitas ganas de facer nada…

Máis adiante, a través dun amigo meu alá polo ano 2007 comezamos cos Agostinho DJs (éramos dous). Despois ,o meu amigo déixao e continúo eu. Nesa época tamén comezo a ter relacións cun festival que se chamaba Artenativa que o organizaban outros amigos de Valga (Pontevedra) que agora están en Músculo. E así, pouco a pouco, comezo a estar máis preto da escena galega. Pinchaba máis grupos de aquí como Triángulo de Amor Bizarro, Nouvelle Cuisine, Lobishome… Había un fervor de bandas moi grande.

360 – Neses tempos xurde Carrero Bianco?

SS – Alá polos anos 2007 e 2008 eu xa levaba 8 anos indo a clases de piano e xa estaba máis en relación coa música. Foi neses tempos cando nos xuntamos Rocío Bianco (batería electrónica e voces), Blas Bianco (baixo e voces), Joaquín Bianco Quincho (guitarra, microkorg e voces) e eu que facía a parte dos teclados e microkorg. Comezamos no 2009 e xa debutamos nas Meninas e na Parrocheira. Así imos ensaiando e tocando, Triángulo de Amor Bizarro nos leva a Carballo de teloneiros. E xa comezamos a gravar a nosa primeira maqueta.

Esa maqueta acabou sendo maqueta do ano na Mondo Sonoro, así que as cousas ían rápido. No 2010 preparamos o disco que sae en outubro, e o disco entra de segundo o terceiro en discos do ano de Galicia na revista. Carrero Bianco era un pouco unha banda con influencias do new wave, postpunk, e un pouco de electro pop. Nesa época había unha volta grande o postpunk. A nós sempre gustáronnos os grupos tipo Depeche Mode, Joy Division, New Order, sempre fomos moi postpunkeros…

360 – Na vosa biografía publicada na Fonoteca din da vosa banda que tedes un toque metafísico, unha nova ola dentro da nova ola?

SS – Nós soabamos a moitas cousas e a vez tiñamos un son propio. Soaba a Carrero Bianco. Daquela época estábamos empatados tamén con outras bandas tipo Rapture, e estábamos aí un pouco misturando e experimentando de todos eses influxos. E segue sendo fresco mesmo que pasen os anos. Foi algo moi propio o que quedou aí rexistrado. Poderíamos mover os temas e seguen soando actuais. Os meus teclados son moi liñais, baixos. Quincho ten máis ese toque de Depeche Mode, cada un tiñamos as nosas influencias… O caso e que ensaiabamos todos os días e nun ano xa estábamos a tocar no Festival do Norte.

360 – Morrestes de éxito?

SS – [Risas] Non… non morremos de éxito, ogallá… Pero as cousas son complexas. Blas e Rocío deixan a banda e van pasando cousas. A verdade é que tiñamos temas cos que temos que facer algo, lémbrome do único tema que tiñamos en galego: Árdeme o eixe, unha canción que fixemos para un concurso, o Apolohit. Nesa época do bipartito a Radio Galega apostaba moito pola escena galega. Os grupos ás veces dubidamos moito das cousas que facemos, nos cansamos do noso e escoitamos outros sons novos e queremos tomar novos camiños…

Nesa época e cando Blas e Rocío deixan a banda. Daquela entra Toni na parte das bases e o baixo, e terminamos sendo máis electrónicos. Entrou a moza de Quincho, Carlota, nas voces femininas, e seguimos tocando. Nese ano terminamos o disco Horror Horror (2013) que foi o disco co que máis xiramos… Xa xiráramos cos outros, porque Blister tamén foi de xira, pero este foi o disco con máis repercusión. Soábamos moito en Radio 3, fomos a varias salas en Madrid. En fin, que rematamos.

360 – Horror Horror foi unha anticipación da realidade coa que vos atopastes de fronte?

SS – Ao final o tema das xiras é moi canso, acabas tocando sempre a mesma playlist, acabas tocando por catro duros, pagando todos os gastos da viaxe, indo e chegando no mesmo día, porque ás veces non da para durmir… Tocábamos moito pero non daba para gañar nada. E o mesmo tempo a xente do grupo tamén estaba noutra etapa, algúns con fillos… Certo que tampouco nos gustaba moito o efecto de ter que tocar en repetición, porque nos gusta divertirnos e por iso decidimos cambiar a forma de facer as cousas.

360 – Que cambiou despois?

SS – Démoslle un pouco a volta, comezamos a gravar doutra forma, a compoñer gravando. Facíamos un loop e sobre iso íamos improvisando. Queda un resultado moi fresco, e non estás a modo de estrofas, se non máis electrónico. Foi unha experiencia divertida porque dun loop saía unha canción. Deste modo era máis unha improvisación sobre loops, e cada un vai metendo o que lle pide, e aportando o seu.

Cando tiñamos todo montado fomos o estudo en Río Récords, con Dani Abeledo, e aínda dimos unha volta máis… Dani aportou moito ao disco tamén. Comezamos usando o autotune, quizais fósemos os primeiros en facer trap usando xa trampas neses tempos [risas]. Este último disco Ejército celeste estreámolo no Jofre no 2017. Pero foi un desgaste tardamos un ano en sacalo á luz. Nesa época Toni foi pai, Quincho comeza a traballar e xa non xiramos.

360 – Se pode ter unha banda e non xirar?

SS – Pódese, si, de feito nós agora en Ferror Records temos grupos que fan música e non xiran por todo iso do que falamos antes. Agora hai moitas propostas que son de dúas persoas, son máis sostibles economicamente… Son bandas ás que lles gusta facer cancións e facer música, e fan ao mellor dous concertos pero non están todo o tempo de xira. Ben é certo que tamén se tes unha banda e non te moves o disco pode quedar no esquecemento. Doutra banda tes que movelo un pouco. E ao mesmo tempo a vida non sempre te permite manter ese ritmo!

360 – Vos plantexades a volta de Carrero Bianco?

SS – A ver, o tema das xiras foi un desgaste e o proxecto non está terminado, pero fómolo deixando un pouco de lado. Algúns xa teñen fillos, temos outros traballos paralelos. Quincho xa tiña cancións que non encaixaban en Carrero, son temas máis pop, e montou con Carla o dúo de Espejos y diamantes. E tamén está TechnoChico que somos eu e máis Toni. Os catro seguimos traballando, así que si algún día volvemos, que sexa para recuperar un pouco o que éramos, esa sería a miña idea se volvésemos. Cando sacamos o descarte de Árdeme o eixo na Radio Galega xa estaban un pouco a preguntarnos para cando a volta e esa presión social ás veces é a mellor escusa para xuntarse e ter unha data.

360 – E que está a pasar con Ferror Records, vexo que estades agora mesmo con moitos proxectos?

SS – Ferror Records xurde co último albume de Carrero Bianco (Ejército Celeste). Eu son amigo de Joe Crepúsculo e un día que estábamos a falar xurde esta idea de que depender das discográficas e demais non é doado. En fin… se eu te contara! O caso é que queríamos auto editarnos, pero montando un selo, porque parecía que o selo tiraba máis que simplemente auto editalo a título individual, e así comezamos. Lanzamos un recompilatorio de bandas de Ferrol que funcionou moi ben, na presentación xa vendimos a metade da tirada. Aí estaban desde Jamie Fifthring, Quant, Rubén Ártabe, Alarido Mongólico e moitos máis. Despois xa editamos o de Carrero e despois un casete de Alarido. Así ata agora, que non paramos!

360 – Agora mesmo buscades as propostas que vos interesa levar no selo ou tamén son as bandas quen vos busca?

SS – Pois tamén recibimos propostas e gústanos poder elixir. Non todas encáixannos no noso selo. Nós levamos proxectos que son orixinais, que teñen unha identidade propia, e enraizadas. Sempre tiramos pola comarca, pero agora mesmo tamén estamos a ver propostas de fóra. Todos son distintos pero todos teñen identidade propia e orixinalidade. Hai cousas que non están na nosa liña, porque non soan a ese toque.

Outras veces colaboramos con outros selos porque a xente que levamos traballan moito todos e van xurdindo relacións, ás veces facemos un pouco de manager, de distribución, de promoción, de pór en contacto con salas… Agora medramos nos últimos anos e se nos vai das mans, estamos a negociar con outros rapaces que podan facer de managers, e outro rapaz que nos axuda coas redes. As cousas van collendo outra dimensión, é moito curro e nos non levamos un duro. Vendíamos os discos e os vendíamos no directo e agora non hai directos! Antes cun par de festas xa vendíamos para cubrir a edición.

360 – Agora estades a programar en Canido uns concertos na Asociación Veciñal, non si?

SS – Agora mesmo a Asociación Veciñal de Canido é o que mellor funciona de Ferrol a nivel asociativo e comunitario. Ten propostas moi abertas, unha horta comunitaria, dan clases de todo, dende ioga a xaponés. E, non sei, a min o patio do centro cívico tenme namorado. Así que falamos con Roberto, o presidente, e propuxemos facer música en directo nos meses do verán, para as tardes poder escoitar ao aire libre…

Este ciclo vaise chamar Solpores con Ferror e virán os grupos que sacaron disco no último ano no selo. Serán cinco concertos, de xuño a outubro, agora comezamos o 19 de xuño e despois temos datas para o 17 de xullo, 21 de agosto, 18 de setembro e 12 de outubro, que faremos sesión vermú homenaxe a Andrés do Barro. O primeiro en xuño comeza ás seis da tarde, pero é posible que máis adiante atrasemos a hora porque no verán as seis é moi cedo para volver da praia. Faremos feira de vinilos coa presencia de Ferror Records, CGTH Records, Sounds Like Sunday Records e teremos DJs e a Mentah na apertura. Agora mesmo só nos deixan ata as once, pero iremos esperando a ver que deixan facer!

Comentar

Su dirección de correo electrónico no será publicada.Los campos necesarios están marcados *

*

En Ferrol360 utilizamos cookies para que tengas la mejor experiencia de usuario. Si continúas navegando, estás dando tu consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies. Puedes pinchar el enlace para tener más información. ACEPTAR
Aviso de cookies