FERROL360 | Xoves 4 xullo 2018 | 21:04
En Marea e Son de Ares piden que a Xunta de Galicia dote de profesionais o novo centro de saúde da vila para que a súa apertura teña sentido e cumpra coas necesidades dun municipio que triplica a súa poboación cando chega o verán, pero que non amplía o número de profesionais sanitarios que traballan no mesmo.
Os partidos da Marea sitúan na vindeira semana a inauguración da instalación e demandan que, ademais dos fastos da apertura, o centro debe dar un servizo correcto. En rolda de prensa, o concelleiro de Son de Ares, Gustavo Pita, apuntou que é preciso contar cun médico de familia máis do que existe na actualidade ata completar os catro que lle corresponden á vila.
Tamén son necesiarios un enfermeiro ou enfermeira máis, un servizo de pediatría a xornada completa e un servizo de fisioterapia. Pita considera que Ares está moi por baixo na plantilla de asistencia sanitaria con respecto aos concello da contorna directa.
Así, especificou que Mugardos con tres centas cartillas menos tiña catro médicos de familia asignados. Para Son de Ares esta situación agrávase na época estival porque en Ares rexístranse 28.000 consultas e en Mugardos 24.000. No caso da Enfermaría, Ares conta con tres mentres en Mugardos hai cinco.
Pediatría é outros dos puntos de reclamación de En Marea. Pontedeume, con menos tarxetas sanitarias infantís, conta con dous pediatras a xornada completa mentres que Ares ten que compartir a pediatría por horas con Mugardos.
Luís Villares, voceiro de En Marea, apuntou que había unha carencia clara na prestación de servizos da Xunta no Concello de Ares «e non se pode falar do dereito á saúde cando non hai no territorio unha rede que preste os servizos esenciais para o conxunto da poboación».
Villares apuntou que mesmo cando a Xunta pon en marcha un centro de saúde como o que se vai inaugurar en Ares «prevé os servizos que debe cubrir nel, como se a idea fose máis inaugurar e buscar a foto que prestar os servizos que a cidadanía precisa».
En Marea levará ao Parlamento de Galicia as iniciativas presentadas por Son de Ares para a mellora da asistencia sanitaria no concello.