Home / Actualidad / Entran en vigor os orzamentos municipais de San Sadurniño

Entran en vigor os orzamentos municipais de San Sadurniño

FERROL360 | Xoves 11 xaneiro 2018 | 12:41

O Boletín Oficial da Provincia publicou o luns anuncio da aprobación definitiva dos orzamentos municipais de San Sadurniño para 2018. Unhas contas que se incrementan con respecto ao ano pasado nun 2,74 % e que ascenden a 2.810.000 euros. O documento foi aprobado no pleno do pasado 2 de decembro cos votos favorables do equipo de goberno, a abstención do PSOE e o rexeitamento do PP.

Os ingresos proveñen na súa maioría doutras administracións. Arredor dun 65 % serían recursos externos e un 35 % xerados pola propia administración local, que este ano volve manter conxelados os impostos e taxas. Mentres, no apartado de gastos o 40,96 % destínase a persoal e case o 28 % á área de atención social, incluíndo a obriga de contribuír con 50.000 euros ao mantemento do Centro de Día, financiado ata agora polo Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar.

Para gasto corrente resérvase o 32 % do orzamento e o 22,16 % irá para investimentos en obras, principalmente para a conservación de vías e para a execución dos proxectos de reurbanización de toda a Avenida Marqués de Figueroa e da apertura da rúa que unirá o Centro de Saúde co pavillón municipal.

Axudas para entidades e bolsas de estudo

Para transferencias correntes está fixada unha partida de 100.000 euros, un 0,81 % máis que en 2017. Neste apartado englóbanse as axudas ao tecido asociativo e deportivo do municipio, 64.200 euros para subvencións e convenios nominativos, e as dirixidas a bolsas escolares e servizos de conciliación.

Para bolsas de estudos e axudas ás familias con nenos e nenas da escola infantil municipal hai reservada unha partida de 25.000 euros: 10.000 para estudos post obrigatorios, 5.000 para os obrigatorios, 8.000 para distribuír entre as familias da EIM con nenos e nenas matriculadas no curso 2017/18 e 2.000 para atender situacións especiais que poidan xurdir durante o ano en materia educativa.

Os outros 10.800 euros que completan o apartado son para unha achega de 3.000 euros á entidade Seitura 22, que xestiona os fondos Leader na comarca, e 7.800 euros reservados para casos de emerxencia social.

Coa entrada en vigor do orzamento, o Concello ten previsto reunir a semana que vén aos clubes para abordar posibles cambios nas bases específicas de deportes. Unha vez se lle dea forma ás bases da liña competitiva de deportes, a Xunta de Goberno Local ratificará dunha tacada todas as convocatorias e remitiraas ao Boletín Oficial da Provincia, algo que podería producirse a finais deste mes de xaneiro.

Comentar

Su dirección de correo electrónico no será publicada.Los campos necesarios están marcados *

*

En Ferrol360 utilizamos cookies para que tengas la mejor experiencia de usuario. Si continúas navegando, estás dando tu consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies. Puedes pinchar el enlace para tener más información. ACEPTAR
Aviso de cookies