FERROL360 | Xoves 3 setembro 2015 | 13:28
Máis dunha vintena de cineastas galegos participarán esta fin de semana na segunda edición do Chanfaina Lab. O Concello de San Sadurniño convida aos participantes a rodar deste este venres e ata o sábado nos diferentes escenarios que conforman as sete parroquias do municipio.
O Chanfaina Lab é unha experiencia de creación audiovisual colectiva que tenta poñer en valor o territorio rural a través dos ollos de creadores galegos. Segundo os organizadores, Chanfaina Lab semella ser unha mestura de directores de dentro e de fóra do concello de San Sadurniño, de diferentes idades e con experiencias distintas no audiovisual.
As actividades arrancan este venres cunha proxección de clásicos do rural galego para todos os públicos. O Carro e o home (Antonio Román), As muxicas (Alberto Alonso), A meiga chuchona (Pablo Millán), O matachín (Jorge Coira) ou Taxia (David Robles) son algúns dos títulos que se poderán ver na Casa da Cultura ás 19:30 horas.
Na mañá do sábado os participantes coñecerán a Casa do Concello e a súa contorna e recibirán unha serie de indicacións para poder comezar a gravar as súas pezas. Tras a pausa para o xantar, deberán continuar coas gravacións ata á hora da cea.
E xa pola noite (23:00 horas), no Café Dzine, exhibiranse unha serie de traballos realizados con anterioridade polos participantes desta segunda edición do Chanfaina Lab. Na xornada do domingo os cineastas continuarán completando as súas producións e poderán degustar unha auténtica chanfaina elaborada na Asociación de Veciños Adiante Igrexafeita. Consulta a programación completa aquí.
As pezas do II Chanfaina Lab poderán verse en xaneiro de 2016, nunha proxección aberta a toda a veciñanza de San Sadurniño, tal como a que se realizou este ano coas obras da anterior edición, que ademais xa levan meses circulando por distintos festivais audiovisuais.