REBECA COLLADO | Neda | Luns 7 setembro 2015 | 10:11
«Qué rico todo lo que hacen en Neda», dicía unha das nosas lectoras días atrás no noso Facebook. E non lle falta razón, so fai faltar botar un ollo ao pan, ás empanadas, á bica, ás tartas e ós boliños preñados dos postos das panaderías da Festa do Pan de Neda para saber que aí atoparemos auténticos manxares e tamén entenderemos por que é unha das citas obrigadas na comarca.
Este domingo ninguén se quixo perder o día grande da XXVII edición da Festa do Pan de Neda, que abarrotou o paseo marítimo de Xuvia. O tempo acompañou e permitiu aos asistentes gozar dunha estupenda gastronomía, música a todas horas, actividades para os máis pequenos da casa e tamén dunha feira de artesanía.
O encargado de dar o pistoletazo de saída á Festa foi o artista local Leandro Lamas, que no seu pregón contou unha historia dunha parella de Neda, Avelina e Amador, que quería gañar o concurso de empanadas da Festa do Pan. Un conto cheo de guiños á vila e de chistes, no que unha oca compartía protagonismo coa parella. As risas estiveron aseguradas.
A concelleira de cultura, Helena Pardo, destacou que con esta festa «rendemos tributo aos artesáns panadeiros e ao digno oficio do pan». Acto seguido procedeuse a dar conta dos locais gañadores da Ruta do Pincho, unha actividade que se celebra previamente á festa do Pan. O premio ao pincho máis sabroso foi para Mesón o fumado; o máis orixinal para Chámalle como queiras e a mellor presentación recaeu en Mesón de Toni.
As panaderías non pararon
Os postos das panaderías estiveron ateigados de xente e era raro atoparse con alguén que non levara unha bolsa con pan e doces ou mesmo quen xa ía comendo unha lambonada mentras daba unha volta. Normal, quen pode resistir a tentación de pegarlle un bocado a un rico pan de Neda, a unha magdalena ou a unha caracola?.
Con tanta afluencia, os panadeiros non deixaban de ir ás furgonetas a repoñer existencias. «Trae máis bolla. Quedamos se empanada de bonito. Agora repoñemos máis pan», eran algunhas das frases que se podían escoitar nos postos. As cinco panaderías coinciden en que este ano deuse moi ben a Festa do Pan, moito mellor que na pasada edición que choveu a cántaros.
«El tiempo ayuda mucho a que la Fiesta se dé bien», aseguraban desde a panadería La Charretera. Nesa mesma liña expresábanse desde a panadería La Nueva, que comentaban que había moita xente e que o tempo é fundamental para asegurar o éxito dunha cita coma esta. Preguntamos cales son os produtos que máis se venden e a resposta é de esperar: pan e empanada. Kilos e kilos deles que se venden sos.
Aínda que os produtos tradicionais funcionan moi ben entre o público, algunhas panaderías incorporan novidades, como a Panadería J. Castro Hnos que este ano puxo á venda unha bolla de laranxa e unha bolla de pan con nata que tiveron moi boa acollida. Tamén a Panadería Santa Rita oferta cupcakes e galletas decoradas, «a la gente le gusta que se incorporen cosas nuevas», din.
Desde a panadería La Gallega tamén quixeron facer unha petición ao Concello para que cando o domingo da Festa do Pan cadre o 7 de setembro se celebre o domingo anterior, porque coincide coas Festa e é un día de moito traballo para as panaderías. Unha petición que o alcalde, Ángel Alvariño, está aberto a estudiar pero advirte que haberá que consultalo porque estamos a falar dunha Festa de Interese Turístico de Galicia.
Alvariño calificou esta edición da Festa do Pan como de «éxito rotundo», con gran presenza de grupos de música da vila e as panaderías «ateigadas de xente», que é do que se trata, porque a cita busca «promocionar os produtos de Neda». O rexedor avanzou que tratarán de mellorar a Festa aínda máis se cabe, un reto difícil porque o listo xa está moi alto.