Home / Opinión / Facer futuro partindo do pasado

Facer futuro partindo do pasado

LUIS CALVO | ‘Pensando en alto’ | Domingo 6 abril 2014 | 16:01

En xuño deste ano, Ferrol ten a oportunidade de facerse coñecer a través da quinta edición do Congreso Europeo de Turismo Industrial. O seu obxectivo é promover a cooperación e intercambio, así como concienciar acerca do potencial da cidade nun novo xeito de turismo baseado no turismo cultural europeo, tanto desde o punto de vista económico como social.

Ferrol, neste eido, ten moito que ofrecer, seguindo nesa liña que hai anos ten aberta na procura do seu patrimonio histórico, artístico e cultural. Trátase de aproveitar as nosas sinerxias, é dicir, traballar en conxunto; sumar a influencia de todos os axentes que poidan aportar algo. Unificar eses esforzos de traballos a prol do recoñecemento internacional debería ser o único obxectivo e hai motivos dabondo e con boas perspectivas nas que poder centrar ese esforzo colectivo.

Poderiamos falar de eventos polos que Ferrol é coñecido por tradicións de tempo como a nosa Semana Santa -co seu recoñecemento de Interese Turístico Internacional-, as Pepitas, as Meninas e, a nivel deportivo, o Pantin Classic. Ademais, musicalmente falando, Ferrol é coñecido polo Certame Internacional de Piano; o Concurso de Composición de Gaita Constantino Bellón, organizado polo Ateneo Ferrolán… por non falar desa tradición case que desaparecida de cantar polas tascas, tan coñecida fóra de portas ata que as nosas cabezas pensantes destrozaron a tan coñecida e retratada Porta Nova.

Nesa liña, é destacable o rol xogado pola cidade en momentos brillantes do país, que levou ao interese doutros países como Francia ou Inglaterra a querer facerse co noso destino ou a destrución do mesmo pola molestia que causaba a estas potencias.

Non podemos deixar de lado a orixe de todo, e que en Ferrol radica na existencia dos seus históricos estaleiros e se nutre, en parte, do sector naval. É de agradecer o bo traballo que se está a facer coa creación da Ruta Naval.

Esa parte importante da nosa comarca debería ser a que nos xuntara a traballar todos xuntos nesa liña para resaltar ese patrimonio común. Non obstante, temos que partir dunha idea común, como a de lamentar e loitar contra ese abandono, tamén tradicional de Ferrol; esa eiva que nos levou sempre a non aproveitar as nosas sinerxias. Poderiamos remontarnos á deixadez oficial cando Ferrol tiña, cada tres meses, xuras de bandeira de mozos de toda España, mil familias que viñan ver aos seus parentes unha fin de semana e víamos como tiñan que fuxir da cidade por non ter onde comer, durmir ou ocio que ofrecerlles.

Outrosí, cando deixamos desaparecer o Galatea e abandoar outros buques e armas antigas, cando en calquera pobo polo simple feito de ter unha batería se montan un xardín ao seu arredor para que os visitantes poidan sacar un retrato do recordo. En Ferrol non, collemos a Porta Nova, entrada e símbolo da cidade, e levámola do seu sitio para a avenida das Pías. Gustaríame saber que dirían os madrileños se lles levaran a Porta de Alcalá para a estrada de Andalucía.

Xa non quero pensar en alto sobre o castelo de San Felipe, tan coidado cando era propiedade militar e no que nos permitiron organizar e axudar na celebración do 200 aniversario da batalla de Brión coa presenza de 5.000 persoas, algo que non se voltou facer. Desde logo, a responsabilidade non é dos ferroláns que conseguiron levala adiante no seu día e poder incluíla por propio dereito no Circuíto Cultural Europeo da celebración das grandes batallas napoleónicas.

Quixera destacar un feito realizado noutro lugar, como é a cidade museo naval de Portsmouth, unha vila do sur de Inglaterra cunha historia moi semellante á de Ferrol. O Royal Naval Museum, situado no Dique Histórico de Portsmouth, pasou a ser un dos museos navais máis antigos e probablemente o máis interesante pola súa atración do turismo. Na miña opinión, penso que Ferrol debería tomar a Portsmouth como referente e esixir diante das continuas mentiras e promesas de seguir facendo barcos.

Remato como comecei estas liñas, destacando a importancia dese evento que entra de cheo nos obxectivos do Crossroads of Europe que terá lugar en Ferrol no próximo mes de xuño, baixo o lema “Identidad, Industria e Cultura”. Resaltar a importancia histórica de Ferrol e os seus momentos máis brillantes é unha ocasión que hoxe temos os ferroláns para dar a coñecer o noso, dun xeito solidario e colectivo.

Ese é o noso obxectivo, xuntar eses intereses comúns entre administración, entidades sociais, culturais, comerciais, hostalería e veciñais, ofrecendo cadaquén a súa participación desinteresada por medio de actividades de toda índole que sirvan para destacar o potencial de Ferrol e comarca, apostando polo turismo coma un motor de desenvolvemento económico na procura de acadar unha presenza nun circuito que xenere riqueza e permita xerar novas fórmulas de negocio.

Comentar

Su dirección de correo electrónico no será publicada.Los campos necesarios están marcados *

*

En Ferrol360 utilizamos cookies para que tengas la mejor experiencia de usuario. Si continúas navegando, estás dando tu consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies. Puedes pinchar el enlace para tener más información. ACEPTAR
Aviso de cookies