FERROL360 | Mércores 23 setembro 2015 | 14:17
Este xoves coñeceremos o proxecto gañador dos premios europeos ACTing, sobre envellecemento activo e inclusión dixital, e cruzaremos os dedos para que a sorte estea do lado de Fálame de San Sadurniño. A cidade suíza de Xenebra acollerá o acto de clausura destes premios nos que participan 36 iniciativas de España, Italia, Romanía e Suíza.
Carmen Suárez, Cruz Piñón e Consuelo Picos serán as encargadas de defender o proxecto cunha presentación coa que reivindicarán o traballo feito en Fálame de San Sadurniño. Suárez é a principal impulsora da plataforma colaborativa, mentres que Piñón e Picos foron as dúas mulleres maiores de 60 anos que máis se implicaron no proxecto desde os seus inicios, en maio de 2013.
A responsable da Aula Cemit tamén destaca que Fálame de San Sadurniño é unha iniciativa que «pertence ás máis de 230 persoas que teñen colaborado, con máis de 700 historias e con máis de 400.000 páxinas ou fotografías vistas». Ademais, sinala que «chegar ata aquí é un éxito para todas as persoas que colaboran» na iniciativa.
Tamén indica que «temos que sentir orgullo de que unha iniciativa humilde como a nosa, dun lugar pequeno como San Sadurniño, e en galego, represente a España neste concurso. Iso xa é un premio en si, non esperamos máis nada».