Home / Cultura / Fene abre o prazo de inscrición para as comparsas que participarán no Entroido

Fene abre o prazo de inscrición para as comparsas que participarán no Entroido

FERROL360 | Martes 19 xaneiro 2016 | 9:56

O Concello de Fene vén de abrir o prazo de inscrición para que as comparsas que participarán no Entroido 2016. Os interesados poden consultar toda a documentación requirida nesta ligazón e deberán presentala no Rexistro Xeral antes do mércores 3 de febreiro, ás 14.00 horas.

Ademais, deberán entregar copias das cancións no departamento municipal de Cultura e o día do festival terán que repartir as letras das cancións entre o público. Deste xeito se garante un ambiente festivo durante a celebración.

A Concellería de Cultura incrementa as achegas que recibirán as comparsas que participen nos actos municipais e repartirá 6.500 euros. A edil de Cultura, Amalia García, explica que as bases incorporan dúas novidades importantes: «o incremento en 2.000 euros da achega municipal para as comparsas e o reparto da mesma a partes iguais».

Así, se repartirán 2.000 euros entre as comparsas de adultos de Fene, 500 entre as infantís e 4.000 entre todas as comparsas de adultos participantes. Poderán beneficiarse das axudas as asociacións ou entidades legalmente constituídas, ou grupos ocasionais, que cumpran as condicións fixadas nas bases.

As categorías serán: comparsas de adultos -cun número superior de 15 integrantes maiores de 16 anos-; comparsas infantís -cun número superior de 15 integrantes menores de 16 anos-; comparsas de Fene -asociación con domicilio no municipio ou que o 50 % dos integrantes sexan veciños de Fene-.

Programa de actos

O acto central do Entroido 2016 de Fene terá lugar o mércores 10 de febreiro, mércores de cinsa e festivo local. A rúa Cádavo será o punto de encontro das comparsas participantes, que partirán en desfile polas principais vías do municipio para amenizar a festa coas súas letras, ironía e disfraces.

O seu destino será a praza do Concello, onde terá lugar o Festival. E, a continuación, o Concello ten previsto un gran baile. Unha xornada de Entroido que virá precedida do obradoiro de Cociña Entroideira para nenos e nenas, que terá lugar o luns 8 de febreiro, a partir das 18.00 horas, na parroquia de Perlío, en local a determinar.

Ao día seguinte, o martes 9 de febreiro celebrarase unha festa infantil na praza do Concello, a partir das 17.30 horas, con animación a cargo do grupo Dinamo e con reparto de lambetadas de Entroido para todos os nenos/as participantes.

Comentar

Su dirección de correo electrónico no será publicada.Los campos necesarios están marcados *

*

En Ferrol360 utilizamos cookies para que tengas la mejor experiencia de usuario. Si continúas navegando, estás dando tu consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies. Puedes pinchar el enlace para tener más información. ACEPTAR
Aviso de cookies