Home / Cultura / Fene abre o prazo de preinscrición no seu Entroido

Fene abre o prazo de preinscrición no seu Entroido

FERROL360 | Domingo 21 xaneiro 2018 | 11:52

Fene celebrará o seu entroido o vindeiro 14 de febreiro, Mércores de Cinza, con comparsas que percorrerán as principais rúas do municipio ata a praza do Alcalde Ramón Souto González, onde se celebrará a tradicional queima do Antón.

As comparsas que desexen participar no desfile se poden anotar ata o vindeiro 2 de febreiro ás 14.00 horas. Será preciso presentar no Rexistro municipal o formulario de solicitude e toda a documentación complementaria esixida nas bases.

A asignación de subvencións para incentivar a participación de comparsas ascende este ano a 6.500 euros. 2.000 euros serán para as agrupacións adultas de Fene, distribuídos a partes iguais e cun máximo de 500 euros por comparsa. Outros 500 euros, tamén a partes iguais, están reservados para as comparsas infantís.

Por último, repartiranse 4.000 euros a partes iguais entre todas as comparsas de persoas adultas, incluídas as de Fene. Se non se cubrisen as contías totais das dúas primeiras partidas, o remanente xerado repartiríase a partes iguais entre todas as comparsas adultas inscritas.

As comparsas deberán ter en todos os casos un número superior ás 15 persoas. Entenderase por comparsa adulta a formada por persoas maiores de 16 anos. Para ter a consideración de comparsa de Fene, alomenos o 50 % dos compoñentes deberán ser veciños ou veciñas do municipio.

No caso das comparsas infantís non hai esa precisión e só se lles esixe que estean formadas por alomenos 15 compoñentes menores de 16 anos máis as persoas adultas que vaian de acompañantes.

Alén do desfile do Mércores de Cinza, o Concello ten practicamente pechada a programación de actividades paralelas, que prevé obradoiros de disfraces e de cociña entroideira para os días 12 e 13, un evento infantil con música e degustación de lambetadas para a tarde do Martes de Entroido e tamén un peche de festa a partir das 21.00 horas cunha grande orquestra.

Comentar

Su dirección de correo electrónico no será publicada.Los campos necesarios están marcados *

*