FERROL360 | Luns 17 marzo 2014 | 17:30
O Concello de Fene e as áreas de Normalización Lingüística dos centros de ensino feneses convocan a cuarta edición do Concurso de Microrrelatos.
Poderán presentarse tódolos textos narrativos escritos en lingua galega que non superen as 150 palabras e deberán levar no seu encabezamento a frase ‘Unha noite no Museo…’. A temática xirará en torno ao Museo do Humor, que este ano celebra os seus trinta anos de vida.
O Concurso de Microrrelatos Concello de Fene está dirixido ao alumnado matriculado nos centros educativos do municipio e nel se establecen catro categorías distintas. Poderán participar os nenos e nenas que cursen 5º e 6º de Primaria, 1º e 2º curso de ESO, 3º e 4º curso de ESO e Bacharelato e ciclos formativos. Ademais, o certame constará dunha fase interna e outra intercentros. Na primeira, será o propio centro educativo quen realice unha selección de entre os traballos presentados. Na segunda fase, os traballos seleccionados (máximo de dous por categoría) recolleranse por persoal do departamento de Cultura nos centros de ensino participantes. Irán acompañados dun sobre pechado cos datos do autor ou autora do microrrelato.
O prazo de presentación dos traballos remata o venres 5 de abril.
Premios
Haberá un agasallo para cada categoría e tódolos microrrelatos que pasen á fase intercentros serán editados en formato papel e dixital polo Concello de Fene. A entrega de premios terá lugar no Museo do Humor o vindeiro 30 de maio.