FERROL360 | Domingo 23 novembro 2014 | 19:03
O Concello de Fene celebra este luns o acto central da programación deseñada para festexar o XXX Aniversario do Museo do Humor. Será coa inauguración da exposición de caricaturas Pola cara que terá lugar ás 18:00 horas.
A Casa da Cultura acollerá a inauguración da mostra, un acto aberto á veciñanza no que intervirá o presidente da Deputación provincial, Diego Calvo; o alcalde, Gumersindo Galego; a edil Rocío Bértoa, e o humorista gráfico Siro López, e ao que asistirán representantes do mundo institucional, social e cultural da comarca.
A mostra está producida polo propio Museo do Humor de Fene e nela amosarase unha importante colección de caricaturas doadas para a ocasión por 53 debuxantes e caricaturistas galegos, españois e internacionais. Entre as personaxes caricaturizadas salientan actores e actrices; deportistas; políticos; escritores; pintores e músicos coñecidos por todos.
A exposición permanecerá na Casa da Cultura de Fene ata o 20 de decembro, de luns a venres de 10:00 a 13:00 e de 16:00 a 21:00 horas e, os sábados, de 10:00 a 13:00 horas. A partir de ahí, iniciará a súa itinerancia por cantos concellos, entidades sociais ou colexios a soliciten.
Como colofón aos actos do XXX aniversario do Museo do Humor, presentaráse tamén o cartafol conmemorativo que inclúe once láminas con debuxos de humoristas gráficos galegos de primeiro nivel.
Para a realización do cartafol, convidouse expresamente a unha serie de humoristas gráficos e ilustradores galegos para que fixeran un debuxo, con enfoque e técnica totalmente libres, co único requisito de que fixera referencia ao XXX aniversario.