Home / Cultura / Fene convoca o concurso de Microrrelatos e o certame de Creación Artística «En galego? É o noso!»

Fene convoca o concurso de Microrrelatos e o certame de Creación Artística «En galego? É o noso!»

FERROL360 | Xoves 27 abril 2017 | 10:50

Con motivo da vindeira celebración do Día das Letras 2017, a Concellería de Cultura de Fene e e os Equipos de Normalización Lingüística dos centros de ensino do concello convocan a sétima edición do concurso de Microrrelatos e o cuarto Certame de Creación Artística «En galego? É o noso!». Ambos están dirixidos ao alumnado dos centros educativos do Concello de Fene.

Os rapaces interesados en participar no concurso de Microrrelatos deberán elaborar un texto narrativo en lingua galega, que non poderá exceder as 150 palabras e que, partindo do tema proposto este ano que son «As columnas `Á marxe´ de Carlos Casares», comece polo seguinte texto: O gato Samuel.

O concurso constará de dúas fases: unha interna e outra intercentros. Na fase interna, os traballos serán entregados ao profesorado e será o propio centro quen decida a composición do xurado. Para a fase intercentros, os traballos seleccionados -máximo de dous por categoría- recolleranse por persoal do Departamento de Cultura nos centros de ensino participantes.

O xurado estará composto por unha comisión formada por dous membros de cada centro escolar participante e un representante do Concello que ditaminará sobre o concurso de xeito inapelable, podendo declarar os premios desertos. Os membros do xurado non poderán votar os traballos presentados polo seu propio centro.

Establécese un único premio por categoría de 100 euros en libros e/ou material escolar. Hai catro categorías para o alumnado de 5º e 6º de Primaria; 1º e 2º de ESO; 3º e 4º de ESO e Bacharelato e Ciclos Formativo.

Ademais, o Concello de Fene editará en formato papel e dixital todos os micorrelatos da fase intercentros. O prazo para entregar os traballos remata o venres 5 de maio na fase interna e o venres 19 de maio para a fase intercentros. O resultado darase a coñecer por parte do Concello de Fene na páxina web municipal e a todos os centros de ensino participantes.

Certame de Creación Artística

En canto ao Certame de Creación Artística «En galego? É o noso!», os participantes deberán presentar unha composición plástica orixinal en calquera destas modalidades: debuxo, pintura, colaxe e fotografía ou, de ser alumno de 2º ciclo da ESO, Bacharelato ou ciclos formativos, nalgún soporte relacionado coas TIC.

Ademais, para a realización da súa obra, os rapaces deberán inspirarse en calquera dos poemas recollidos na escolma de poetas contemporáneos que se inclúe nas bases, indicando o texto seleccionado e se a súa autoría é individual ou colectiva, en función da categoría na que concurse -Educación Infantil; 1º/2º/3º de educación primaria; 4º/5º/6º de educación primaria; ESO; Bacharelato e Ciclos Formativos-.

Os centros participantes desenvolverán as súas actividades en dúas fases: interna primeiro e logo intercentros. Na primeira fase realizaranse actividades que relacionen o mundo da expresión poética co da expresión plástica ou as novas tecnoloxías. O centro seleccionará tres obras por nivel, agás na modalidade das novas tecnoloxías, na que cada centro poderá enviar unha polo nivel da ESO, unha de Bacharelato e unha de Ciclos Formativos.

Os centros deberán presentar os orixinais seleccionados no Departamento de Cultura e Ensino antes do vindeiro 19 de maio de 2017. Os centros participantes recibirán, en concepto de axuda á participación, un vale para adquisición de material escolar cuxa contía dependerá do número de alumnos do centro.

Coas obras seleccionadas o Concello de Fene realizará unha exposición pública que se inaugurará durante a primeira quincena do mes de xuño na Casa da Cultura de Fene.

Comentar

Su dirección de correo electrónico no será publicada.Los campos necesarios están marcados *

*

En Ferrol360 utilizamos cookies para que tengas la mejor experiencia de usuario. Si continúas navegando, estás dando tu consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies. Puedes pinchar el enlace para tener más información. ACEPTAR
Aviso de cookies