Home / Actualidad / Fene da luz verde aos orzamentos de 2019, que ascenden a 11,8 millóns de euros

Fene da luz verde aos orzamentos de 2019, que ascenden a 11,8 millóns de euros

FERROL360 | Martes 8 xaneiro 2019 | 9:08

O pleno do Concello de Fene aprobou este luns, en sesión extraordinaria, os orzamentos municipais para o ano 2019. Unhas contas aprobadas cun marcado carácter social e inversor, segundo salientou o alclade Gumersindo Galego e que ascenden a 11,8 millóns de euros.

Desde o goberno local defenden que as contas se rixen por tres principios básicos: blindar as políticas sociais; priorizar os investimentos para transformar a cidade e mellorar a calidade de vida dos veciños, e garantir a solvencia económica do Concello.

Así mesmo, a maior previsión de ingresos respecto ós anteriores orzamentos e pese á rebaixa de taxas, vén derivado da actualización dos padróns fiscais e do impulso á área de recadación mediante a creación dun novo posto de técnico nesta área.

Nesta liña, a edil de Facenda, Rocío Bértoa, apuntou que as contas caracterízanse polo seu carácter eminentemente inversor. Así, o proxecto contempla investimentos por valor de 1.225.094,58 euros. Deles, 1.074.472,35 euros corresponden a obras xa proxectadas coma a do cemiterio municipal, as obras do POS 2019 coa ampliación da rede municipal de augas residuais en As Picas (Magalofes), a reurbanización dos bloques III e IV de San Valentín e o acondicionamento do camiño das Chousas (Barallobre).

Tamén se inclúen as actuacións do POS Complementario 2019 coa dotación de servizos e reforzo do firme no camiño de A Lombra (Barallobre), de Os Regueiros e Visura (Sillobre) e a pavimentación do vial de Fene a Magalofes por Lubián. Tamén se prevé a compra dos terreos para materializar a construción dos depósitos de auga en Magalofes, que tamén darán servizo a San Marcos.

Outras actuaciones recollidas son a posta en servizo do Punto Limpo que comparte co Concello de Cabanas ou a dotación do alumbrado público dende o campo de fútbol de Os Pinares ata o camiño de Mundín. E, a maiores, a consignación necesaria para facer fronte a investimentos que se acorden durante o exercicio.

No apartado de política social, prevese un incremento substancial da partida adicada a Axuda no Domicilio para facer fronte ó aumento das horas de atención ou fondos específicos para políticas de igualdade.

Comentar

Su dirección de correo electrónico no será publicada.Los campos necesarios están marcados *

*