FERROL360 | Venres 29 maio 2015 | 12:04
Un ano máis volve o programa de conciliación da vida laboral e familiar «Verán máis alá», que promove o Concello de Fene para o alumnado escolarizado en Educación Infantil e Primaria (nados entre os anos 2002 e 2010). Celebrarase do 1 ao 31 de xullo no CEIP de Centieiras en horario de 8:00 a 14:30 horas.
O programa propón un amplo abano de actividades artísticas utilizando diferentes materiais que maximicen o potencial creativo dos pequenos artistas. Actividades formativas que apoien o currículo formal escolar, sen perder de vista o contexto lúdico e educativo no que se desenvolven: contafábulas, contos e xogos en inglés e ciencia divertida.
Tamén haberá xogos cooperativos e populares, predeporte e deportes convencionais para favorecer a socialización, a cooperación a tolerancia e o xogo limpo. Ou actividades acuáticas na Piscina Municipal e excursións, danza, música e teatro.
Os veciños de Fene interesados na inscrición poderán formalizala os días 16 e 17 de xuño no departamento de Cultura e Deportes. Se hai prazas vacantes poderán participar nenos doutros concellos e poderán inscribirse os días 18 e 19 de xuño.
Os horarios de presentación da solicitude son de 8:00 a 19:00 horas o luns, e de 8:00 a 14:30 horas o martes, mércores e xoves. As prazas concederanse por rigorosa orde de inscrición ata cubrir as 120 previstas. O 19 de xuño publicarase a listaxe dos participantes no programa.
As cuotas a abonar son de 68,15 euros o primeiro membro da unidade familiar e de 36,70 euros a partir do segundo. Haberá redución do 50 % e incluso do 100 % en función da capacidade económica. Tamén hai a posibilidade de participar nunha das quincenas, pola que se abonará o 50 % da cuota establecida.
As bases da convocatoria poden consultarse na web municipal.