FERROL360 | Martes 27 octubre 2020 | 13:49
A Real Academia Galega decidiu non celebrar en Ferrol o pleno extraordinario do Día das Letras Galegas de Carvalho Calero «diante do empeoramento da situación sanitaria» na cidade. O acto finalmente se traslada á sede da RAG na cidade da Coruña.
A institución tiña previsto desenvolver o acto central de homenaxe a Ricardo Carvalho Calero na súa cidade natal, en Ferrol, este sábado no Teatro Jofre. Unha data que cadra co centenario do seu nacemento, tras pospoñer a tradicional celebración do 17 de maio por mor do confinamento, indican desde a Real Academia Galega.
Pero a evolución da pandemia na área sanitaria ferrolá nas últimas xornadas e as medidas propostas para frear a súa expansión levaron á Academia a trasladar o evento. Un acto que incluirá catro alocucións sobre a vida e o legado intelectual do homenaxeado a cargo da académica Margarita Ledo Andión e dos académicos Xesús Alonso Montero, Ramón Villares e Francisco Fernández Rei.
Cabe lembrar que o Concello de Ferrol suspendeu este luns as actividades culturais, deportivas e de ocio en instalacións municipais durante 15 días a causa da situación sanitaria. Este acto era o único que se mantiña na programación para esta fin de semana e o goberno local apunta que a decisión de non celebralo non lle corresponde á administración local.
En todo caso, desde o goberno municipal indican que vai en consonancia coa restrición de actividade nos espazos municipais e lamentan que unha vez máis a pandemia se interpoña na homenaxe a Carvalho Calero.