Home / Sociedad / En femenino / Ferrol360 protagonizou os actos do Concello de Ferrol contra a violencia machista este venres

Ferrol360 protagonizou os actos do Concello de Ferrol contra a violencia machista este venres

Inés Amarelo arropada polas concelleiras na praza de Armas (foto: Raúl Salgado)

FERROL360 | Venres 7 agosto 2015 | 13:18

A redacción de Ferrol360 tivo a honra de compartir coa concelleira de Muller do Concello de Ferrol, Beatriz Sestayo, e edila María Teresa Riveira, os actos que organiza o consistorio cada tres meses para condenar a violencia machista.

Ás 11:30 horas, no parque Raíña Sofia, plantamos rosas en memoria das vítimas, xunto coas responsables de entidades femininas da cidade e as concelleiras.

Máis tarde, na praza de Armas e xa coa presenza de membros de todos os grupos municipais, limos un manifesto elaborado por nós, en condena non só dos crimes machistas dos derradeiros días, senón tamén, deses micromachismos que son o xermolo do machismo que acaba matando.

Dende Ferrol360 queremos compartir con vos as liñas que leu a nosa compañeira Inés Amarelo.

«Calquera persoa de ben rexeita rotundamente os crimes de Moraña ou o de calquera das case 600 mulleres asasinadas a mans das súas parellas ou ex parellas estes últimos oito anos. Institucións e medios de comunicación condenamos enerxicamente as últimas consecuencias da violencia machista e defendemos que a Xustiza actúe con contundencia, castigando aos asasinos e amparando ás vítimas.

Pero a nós, desde a palestra que nos brinda o Concello de Ferrol, gustaríanos pór o foco nas causas que desatan a violencia machista. O xerme desa posesión, dese egoísmo, desa covardía que converte ás mulleres en vítimas antes de ser cuantificadas nun rexistro de defuncións.

Son as pequenas cousas do día a día as que levan a algúns homes a crerse co dereito de posuírnos, de condicionar a nosa vida, de darnos ordes. É a predeterminación do rol de xénero desde a nosa máis tenra infancia, na familia e no colexio. Son as mofas dos nosos compañeiros de clase cando cambia o noso corpo na adolescencia. É o control que exercen as nosas primeiras parellas a través do móbil ou das redes sociais na nosa mocidade.

Xorde a violencia machista cando alguén nos toca ás agachadas nunha discoteca. Cando nos chaman ‘puta’ por gozar libremente da nosa sexualidade. Cando temos que repetir reiteradamente un ‘non’ a aquel tipo que nos acompañou até o portal de casa. Cando baixamos a cabeza na rúa despois de que un descoñecido se atreve a xulgar o noso aspecto, soltándonos iso que se empeñan en chamar piropo.

As mulleres somos vítimas cando non podemos acceder a un traballo por estar en idade fértil. Cando non podemos ocupar un posto de responsabilidade porque temos cargas familiares. Cando gañamos menos que o noso compañeiro polo mero feito de ser mulleres. Cando temos que renunciar a un emprego para coidar das nosas fillas ou de familiares dependentes.

Somos vítimas cando nos obrigan a vender os nosos corpos. Cando a publicidade nos usa para vender o que sexa. Cando a moda nos obriga a seguir uns canons de beleza ficticios. Cando nos xulgan polos nosos escotes e as nosas minisaias.

O patriarcado, que existe desde que o mundo é mundo, fixo ben o seu traballo. Díxonos cal é o noso lugar e crémolo. As mulleres convencémonos de que hai que aguantar, de que ese é noso sino, de que somos actrices secundarias na sociedade.

Somos nós, ás veces, as que educamos aos nosos fillos en rosa ou azul. As que nos sometemos ao control das nosas parellas por medo a perder iso que cremos que é amor. As que non lle dicimos nada ao tipo que nos toca o cu nun bar. As que chamamos putas a outras mulleres. As que se deitan cos homes insistentes porque cremos que, igual, lles demos a entender algo que non é, e somos nós as culpables.

Somos nós as que non replicamos a ese fulano do taller que nos asubía todas as mañás. As que non contratamos a outras porque poden ter fillos. As que pensamos que se traballamos, perdémonos a infancia dos nosos nenos.

Somos nós as que chamamos histéricas e esaxeradas ás mulleres que din ‘non’. Somos nós as que seguimos pensando que a igualdade non pasa polo feminismo. As que non somos conscientes deses pequenos machismos que se nos cruzan a diario.

Somos nós, por tanto, as que temos na nosa man a chave para ser libres. Educando aos nosos fillos/as en igualdade. Comprendendo, que quen nos ame, amaranos libres. Dicindo ‘non’ a todo aquilo que nos agrida. Sen xulgar a outras mulleres que gozan do seu corpo ou deciden ser nais traballadoras. Promovendo o traballo feminino nas nosas empresas ou discutindo sen temor a que te chamen tola.

Non podemos controlar o que fagan eles, pero si podemos ser nós mesmas as que loitemos polo noso empoderamento, as que levemos o timón das nosas vidas sen máis capitáns ao noso lado que as persoas coas que compartimos singradura por elección propia.

Para superar a violencia machista é necesario deixar atrás o machismo en todas as súas formas e seguir rompendo o silencio daquelas mulleres que se quedaron sen voz, gritando NON. Denunciando. Colaborando. Loitando xuntas».

Marta Corral e Inés Amarelo xunto a Riveira Sestayo no parque (foto: Raúl Salgado)

Marta Corral e Inés Amarelo xunto a Riveira e Sestayo no parque (foto: Raúl Salgado)

Inés Amarelo arropada polas concelleiras na praza de Armas (foto: Raúl Salgado)

Inés Amarelo arropada polas concelleiras na praza de Armas (foto: Raúl Salgado)

Comentar

Su dirección de correo electrónico no será publicada.Los campos necesarios están marcados *

*

En Ferrol360 utilizamos cookies para que tengas la mejor experiencia de usuario. Si continúas navegando, estás dando tu consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies. Puedes pinchar el enlace para tener más información. ACEPTAR
Aviso de cookies