Home / Cultura / Festa rachada en Ortigueira con música, animación e atraccións infantís, procesións para celebrar Santa Marta

Festa rachada en Ortigueira con música, animación e atraccións infantís, procesións para celebrar Santa Marta

FERROL360 | Domingo 21 xullo 2019 | 13:51

Ortigueira celebrará as festas de Santa Marta a partir do vindeiro sábado 27 de xullo e ata o mércores 31 de xullo. A programación deste evento inclúe música, animación e atraccións infantís así coma as tradicionais procesións. As actividades rematarán coa Xira Campestre no piñeiral de Morouzos.

Unha anécdota da programación deste ano foi a petición dun neno da vila que solicitou expresamente «a presenza do saltamontes», ao que Concello respondeu que, efectivamente, esta atracción estaría presente nas festas.

O programa comezará o sábado 27 co pregón no Cantón, seguido dunha verbena na Penela coa actuación da orquestra Tokio. O domingo percorrerán as rúas as bandas de música de As Pontes, Vila de Cedeira, San Xoán de Calo, e a Banda de Música e Escola de Gaitas de Ortigueira, para continuar
cun espectáculo de baile tradicional na Alameda coa agrupación Troula do Ortegal.

A verbena, tamén será na Alameda e estará amenizada polo grupo Cabaret. Ao día seguinte, o luns 29, haberá unha misa cantada pola Coral Polifónica de Ortigueira, seguida da procesión de Santa Marta, á que acompañarán o grupo de percusión Os Martiños e a Banda de Música de Ortigueira.

A continuación celebrarase no Cantón un concerto da Banda de Música de Ortigueira e, xa pola noite, a verbena da Alameda contará coas orquestras Abanico e Atenas.

Música e procesións

O martes 30 a Coral Polifónica de Ortigueira volverá cantar na misa, que nesta ocasión está dedicada á Virxe da Caridade. A imaxe sairá en procesión ao rematar a cerimonia relixiosa, acompañada pola banda Tau de Viveiro.

Nesta xornada haberá un espectáculo de animación infantil a cargo da compañía de teatro Ghazafelhos nos xardíns e, para rematar, a verbena nocturna na Alameda será amenizada pola orquestra Platinium.

As festas concluirán o mércores 31 coa tradicional Xira Campestre no piñeiral de Morouzos, unha xornada de confraternidade e almorzo ao aire libre na que a música correrá a cargo do grupo tradicional Ronsel.

Comentar

Su dirección de correo electrónico no será publicada.Los campos necesarios están marcados *

*

En Ferrol360 utilizamos cookies para que tengas la mejor experiencia de usuario. Si continúas navegando, estás dando tu consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies. Puedes pinchar el enlace para tener más información. ACEPTAR
Aviso de cookies