Home / Cultura / Festa Rachada esta fin de semana en San Sadurniño coa celebración de Santa Sabela e do Festival do Río Castro

Festa Rachada esta fin de semana en San Sadurniño coa celebración de Santa Sabela e do Festival do Río Castro

FERROL360 | Venres 1 xullo 2016 | 9:08

San Sadurniño quenta motores para vivir unha das fins de semana máis intensas do ano coa celebración de Santa Sabela e do Festival do Río Castro. As festas principais da parroquia de Santa Sabela ofrecen un programa festivo con música e eventos desde o venres ata o domingo e en Naraío haberá actividades e música para todas as idades.

As fesas de Santa Sabela arrancarán na noite do venres no patio do colexio cunha sesión suave, ás 22.30 horas, a cargo do dúo Sanjurjo & Dopico, do grupo local Labanda de Cletus e o de Pablo Balseiro.

O sábado a festa arrancará coas tradicionais alboradas e coa misa solemne, ás 12.30 horas. A continuación, haberá sesión vermú animada pola orquestra Shugar, que se encargará tamén da verbena da noite. Entremedias, ás 18.30 horas, disputarase o tradicional partido de fútbol entre persoas solteiras e casadas.

O domingo é o día que máis actividade condensa nas festas de Santa Sabela deste ano. Volverá haber misa e procesión a partir das 12.30 horas cunha destacada compoñente musical, posto que a misa cantarana as corais de Lamas e San Sadurniño e, ao remate dos actos litúrxicos, haberá un pequeno concerto da Banda municipal de Ferrol.

A sesión vermú correrá por conta da orquestra Os Breogáns, que repetirá pase no peche da noite. A verbena será un tanto distinta. Abrirá ás 22.30 horas a mítica banda de Ferrolterra Los Zares. Pereira e compañía cederanlle o escenario á banda que acompaña a Joaquín Sabina nos seus concertos. Traerán o espectáculo Noche Sabinera no que mesmo ofrecerán ao público a posibilidade de subir ao escenario -previa inscrición- para cantar as pezas máis coñecidas de Sabina.

A programación do domingo complétase cunha actividade paralela de tarde, a VII Exhibición de Danza e Rítmica do Club Brío, diante do posto da Garda Civil a partir das 18.30 horas.

XXIII Festival do Río Castro

O Festival do Río Castro celebrarase na xornada do sábado en Naraío. A asociación veciñal O Castelo repite o esquema que tan ben lle funcionou nas últimas 22 edicións, xuntando un encontro coa música tradicional e a actualización do folk co ambiente propio dunha romaría campestre dirixida a todas as idades pero cunha marcada orientación á infancia durante a tarde.

As merendadas irán asentándose ao longo da mañá no campo da Bóla, ao pé do río Castro e da ponte románica dos Andrade. As actividades arrancarán sobre as 15.00 horas cunha chea de xogos traídos pola Asociación Galega do Xogo Popular e Tradicional para que cativería e xente adulta baixe o xantar sen moito apuro mentres contribúen a preservar os divertimentos de toda a vida.

A música para os máis pequenos comezará ás 17.30 horas coa actuación d’A Gramola Gominola. Cando rematen, sobre as 19.00 horas, tocaralle a quenda de novo á AGXPT para coordinar as sempre concorridas e competitivas probas de deporte rural, que se disputarán a tres disciplinas separadas: chave por equipos, tronzador en parellas -unha persoa teríao difícil e máis de dúas son multitude- e, por último, tiro á corda tamén por equipos.

A partir das 22.30 horas comezará a actuación do grupo de música e baile participativo Pesdelán. Despois subirá ao escenario a formación viguesa de música tradicional Zurrumalla e a segunda e última parte da noite estará cuberta por dous dos grupos máis potentes do folk galego: Os Cuchufelhos e Quempallou.

O XXIII Festival do Río Castro está organizado pola Asociación Veciñal O Castelo de Narahío, que conta coa colaboración da parroquia na cesión de terreos e na loxística e, na parte financeira, coa Cooperativa de Meirás, o Concello de San Sadurniño e, segundo se agarda, tamén da Deputación da Coruña a través da convocatoria de subvencións para festivais de música tradicional.

Comentar

Su dirección de correo electrónico no será publicada.Los campos necesarios están marcados *

*

En Ferrol360 utilizamos cookies para que tengas la mejor experiencia de usuario. Si continúas navegando, estás dando tu consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies. Puedes pinchar el enlace para tener más información. ACEPTAR
Aviso de cookies