Home / Opinión / De quen vés sendo? / Fiadas: A tradición oral, o lecer e o téxtil comunitario

Fiadas: A tradición oral, o lecer e o téxtil comunitario

Momento do acto no Mercado de Caranza (cedida)

Momento do acto no Mercado de Caranza (cedida)

IOLANDA TEIJEIRO | De quen vés sendo? | Luns 27 marzo 2017 | 10:35

O pasado 12 de marzo, no Mercado de Caranza, tres mulleres fiandeiras vestiron o pasado de futuro. Tres mulleres armadas de fusos e rocas, de vellóns e tascas aprendéronnos todo o proceso da lá desde a rapa da ovella ate o fiado. As cores dos novelos engadavan as nosas olladas. Ese purpúreo grana dionosíaco da cochinilla ou ese nacre ocre terra da cebola dos tinguidos naturais. Agora há que traer o insecto das Canarias, ao mellor porque nen a cochinilla gosta dos eucalitais galegos e xa perdemos a querencia polos carvallos. Esa tintura vermella empregavase para colorear as facianas das imaxes masculinas da fertilidade nos ritos dionisíacos da Antigüidade. E ate Adán, o primeiro home significa vermello.

Ese sábado no Mercado, as mulleres idosas lembraron ás súas nais e avoas agochando as bagullas da emoción ao sentir a cultura propria revivida. A cultura agochada da que este mesquiño progreso as fixo avergoñar. Porque aínda fican mulleres en Caranza que saben fiar! Fiar fino nos tempos do low cost!.

A cultura universal a redor da ovella vai sobreviver aos sintéticos tecidos contaminantes do téxtil escravista. A ovella voltará a ocupar os prados, a «triscar o céspede mol» cando non poidamos mercar gasóleo. A nos dar a lá e o queixo e eses cordeiros que tirarán o pecado do mundo consumista e depredador. A pesares de que a igrexa proibira as fiadas porque nelas, as brincadeiras da mocidade non casavan coa súa estreita moral de cortello.

Mais xa na Odisea fanse sacrificios de carneiros novos e ovellas pretas e os míticos argonautas gregos partiran á Cólquide en busca do vellocino de ouro, anque parece que ese ouro era o prezado ámbar pois,segundo Graves, os argonautas eran piratas a comerciar pola pedra solar do mar Negro. A cultura grega deixounos, amais, as tres parcas ou moiras: Cloto, a que fía co fuso. Láquesis, a que mide coa vara e Átropo, que coas tesouras curta.

As Parcas eran fillas da gran deusa da Necesidade e lle deron a Hermes o don da percepción. O mito das Parcas, afincado no costume de tecer as marcas do clan nos cueiros dos pequenos, apóndolles un lugar na comunidade! Porque tralas parcas asoma a triple deusa lúa nas tres fases como as triadas das coplas dos fiandóns. A vella do arco que agroma en tantas lendas de mouras e moimentos prehistóricos fiando novelos de ouro. O mito precéltico da vella fiadeira, a Orcavella, a Cailleach ou a vella de Beare.

A vella fiadeira que leva as pedras xigantes enriba sen deixar de fiar. A constructora de megalitos que fai profecías ou bota maldizóns. Na Galiza há a crenza de que as penedas baixounas unha muller na cabeza, mentres nos brazos levaba unha roca na que ía fiando. Porque a Vella mítica relaciónase co fin do ano celta e o tempo dos mortos. Tempo de as vellas fiar contos, pois son elas as donas da sabiduría quen transmiten os mitos e lendas da cultura oral.

O 8 de xuño de 2010, as Cortes de Castela e León declararon o Filandón (nome con que se coñecen alí as fiadas) como BIC ( Ben de Interese Cultural) e pediron a súa inclusión no Patrimonio Cultural Inmaterial da Unesco. E non é para menos!

Desde a Rede Galega de Decrescimento que promoveu esta Fiada, non só se pulan as fiadas como relocalización no marco da economía de proximidade fronte á explotación económica e o desastre ecolóxico da globalización, senón tambén toda a cultura literaria de tradición oral que tecía a comunidade.

As fiadas comezavan co ano celta, do Samaín ao Entroido. Nos fríos seráns invernizos reuníanse as mozas da paroquia con algunhas vellas nos cortellos ou alpendres, a fiar ate ben entrada a noite. Amais da lá e fusos e rocas, levaban pandeiros e pandeiretas, cunchas e castañolas para cantar e bailar. Botavan coplas aprendidas e improvisadas xa antes de chegar os mozos que andavan de ruada coas súas gaitas e demais ferramentas.

Conta Risco, o etnógrafo, que os fiadeiros eran unha forma de cortexo colectivo fronte o costume do parrafeo andaluz. Son formas culturais distintas de namorar. Pode que nas fiadas se espelle o matrimonio de grupo. O amor por grupos, non o amor dun mozo e unha moza, senón dos mozos e as mozas.

Non é raro que chocara coa dobre moral da igrexa. Na noite, cando os casados e os vellos estavan no leito, «polos rueiros adiante, polos camiños e aldeas de afora, ía un fato de mozos cantando cántigas de namorar». Delas nos quedan as coplas que comezan «pasei pola túa porta».

Mais cando chegavan os mozos, eran moitas mozas que botavan coplas que eran desafíos ou parrafeos en verso. Anque segundo Risco son cousas ben distintas. Porque o desafío verdadeiro non ten nada de namoradeiro nen galante senón que é unha forma rural e antiga da guerra dos sexos que disumula, nas súas retesías, un segredo fondo erótico.

Xaquín Lourenzo coida que as coplas non eran improvisadas senón escritas antes de as cantar e así fóronse estereotipando e espallando ate chegar às que hoxe coñecemos e que a escola adoita ignorar a pesares da potencialidade literaria, criativa e relacional que encerran. O desafío levaba o reto dun bando. Van subindo o tono e enredando ate as cántigas de ton aldraxante ou obsceno.

Ao estilo medieval das cántigas de maldizer. Trátase dunha competición entre bandos con adiviñas e problemas. Moitas cantigas aguilloavan ao baile e as mozas deixavan o fiado e saían bailar á luz do candil. Cando a cousa se animava, alguén dava un pau ao candil e todo era ás apalpadelas. Así é que se conservan centos de coplas dos fiadeiros.

Mais tambén eran as fiadas un espazo lúdico onde se desenvolvían moreas de xogos comunitarios que facilitavan o goce e o emparellamento ao tempo que facían bulir os miolos en alarde de intelixencia e bon facer. Xogos que se podían recuperar para a mocidade de hoxe. Estavan os xogos galantes, o xogo de prendas, o dos casados, o dos labregos, o do sarillo, o dos zapatos…e incluso xogos improvisados.

As fiadas eran tambén centros culturais de literatura viva. Andar aos contos consistía en que cada un tiña que contar cando lle chegava o turno. Cando cansavan de contar ceivaban con algunha fórmula ao uso como: Unha vez era un cesto i un frade, e titiridalle, e titiridalle. Unha vez era un frade e un cesto e o meu conto acábase nesto.

Comentar

Su dirección de correo electrónico no será publicada.Los campos necesarios están marcados *

*

En Ferrol360 utilizamos cookies para que tengas la mejor experiencia de usuario. Si continúas navegando, estás dando tu consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies. Puedes pinchar el enlace para tener más información. ACEPTAR
Aviso de cookies