Home / Actualidad / Finalizan as obras de mellora da seguridade viaria no eixo principal de Bardaos, en San Sadurniño

Finalizan as obras de mellora da seguridade viaria no eixo principal de Bardaos, en San Sadurniño

FERROL360 | Luns 8 agosto 2016 | 8:46

A pasada semana remataron os traballos de construción da nova senda peonil que suca o núcleo das Loibas, enmarcados no proxecto de mellora da seguridade da estrada que une a AC-862 coa Cruz da Raíña.

As obras consistiron tanto na construción de 600 metros de beiravías -a ambos lados da pista na zona con máis vivendas- como no aglomerado do tramo que vai desde a estrada de Ortigueira ata a Bañoca.

Estas infraestruturas finánzanse nun 80 % con fondos xestionados pola Deputación da Coruña, a través dun convenio suscrito entre o ente provincial e o Concello de San Sadurniño, que deberá achegar o 20 % restante.

O proxecto cuantificouse para a licitación en 112.500 euros e nel incluiuse o aglomerado dos preto de 1,5 quilómetros entre a AC-862 e a Bañoca pasando polo lugar da Sanguiñeira, de maneira que o principal eixo de comunicación de Bardaos -o que vai da estrada de Ortigueira ata a Cruz da Raíña- conte cun firme homoxéneo, máis adherente e con maior durabilidade.

Senda peonil

Porén, ademais do aglomerado, o Concello asociou a este proxecto viario unha petición veciñal xurdida nas asembleas dos orzamentos participativos, referida á construción dunha senda peonil nas Loibas, o principal núcleo de poboación de Bardaos.

Así, nas últimas semanas executáronse arredor de 600 metros de beiravías de cemento de ata un metro de ancho que discorren pola marxe dereita da estrada -sentido Sur a Norte- e por ambos lados nas zonas de maior concentración de vivendas. Canda a plancha de formigón tamén se aproveitou para colocar arquetas e canalizacións para as augas pluviais.

Ademais desta senda, o Concello tamén ten previsto contratar en breve outra en Naraío, concretamente entre o lugar do Eirexado e a ponte románica da Ferraría. Serán 525 metros orzamentados en 35.000 euros que irán pola marxe sur da pista, agás nos últimos 50 metros en que a senda se desdobrará a ambos lados.

Outra infraestrutura similar prevista para este ano desenvolverase na DP-7603 en dous tramos: un ao longo de do núcleo Silvalonga e outro entre A Pena e a Golpilleira, en Santa Mariña do Monte. As obras forman parte do Plan de Sendas Peonís da Deputación da Coruña e están cuantificadas en algo máis de 197.000 euros.

Nese caso será a propia deputación quen contrate directamente os traballos por tratarse dunha vía de titulariedade provincial. O prazo máximo de execución é de 4 meses.

Comentar

Su dirección de correo electrónico no será publicada.Los campos necesarios están marcados *

*

En Ferrol360 utilizamos cookies para que tengas la mejor experiencia de usuario. Si continúas navegando, estás dando tu consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies. Puedes pinchar el enlace para tener más información. ACEPTAR
Aviso de cookies