Home / Ferrol / Narón / Gala do Deporte, actividades infantís, homenaxes e unha chea de actos para conmemorar o Día de Narón

Gala do Deporte, actividades infantís, homenaxes e unha chea de actos para conmemorar o Día de Narón

FERROL360 | Martes 15 novembro 2016 | 18:55

O vindeiro 23 de novembro Narón celebra o seu día e o Concello ten programado un completo calendario de actividades para festexar como se merece esta data. A Gala do Deporte, actividades para os peques, nomeamento como Fillo Adoptivo ao escultor Manuel Patinha, homenaxes a tres empresarios locais e ao exalcalde, Antonio Martínez Aneiros, son algúns dos actos programados.

O alcalde de Narón, José Manuel Blanco, e a Concelleira de Cultura, Marián Ferreiro, presentaron este martes os actos, que comezarán este venres e rematarán o 26 de novembro. «Trátase dunha serie de eventos moi variados convocados en diferentes lugares, intentando así que participe o máximo número de persoas posibles», indicou Blanco.

A programación arrancará este venres coa Gala do Deporte na que se recoñecen o traballo e os éxitos dos deportistas da cidade. Comezará ás 21.00 horas e congregará como cada ano a unhas 900 persoas no Pazo da Cultura. «É un acto reivindicativo e festivo no que se dará conta dos mellores deportistas de cada especialidade», comentou o rexedor.

Os actos continuarán o sábado día 19, cunha homenaxe a tres empresas locais que levan 75 anos ou máis radicadas en Narón: Megasa, Tranvías de Ferrol e o Grupo Intaf. Os actuais xestores destas tres empresas asinarán no Libro de Ouro da cidade e recibirán un agasallo institucional, valorando a labor dos empresarios e dos traballadores destas tres sociedades.

Día de Narón

Na xornada do 23 de novembro, coindicindo co Día de Narón, festivo local, as actividades comezarán ás 12.00 horas no Concello, co nomeamento como Fillo Adoptivo de Narón do escultor luso, pero asentado en Narón, Manuel Patinha.

Xa pola tarde, a partir das 16.00 horas os actos trasladaranse á Praza 23 de novembro, en Santa Icía, onde ata ás 17.30 horas terá lugar o Festival Pequemiúdos, dirixido aos nenos, que terán a oportunidade de realizar instrumentos musicais con materiais de refugallo nun obradoiro. Máis tarde, de 17.30 a 18.45 horas, terá lugar a actuación do grupo de música infantil Gramola Gominola.

O acto final deste día será ás 20.00 horas no Pazo da Cultura, coa entrega dos premios do «VIII Concurso de Pintura Cidade de Narón», que este ano repartirá preto de 3.000 euros en premios. Por último, o sábado 26 de novembro, ás 17.00 horas, celebrarase na parroquia do Val unha homenaxe ao exalcalde naronés Antonio Martínez Aneiros.

Comentar

Su dirección de correo electrónico no será publicada.Los campos necesarios están marcados *

*