Home / Cultura / Gran acollida do I Mercado Local Xusto de San Sadurniño

Gran acollida do I Mercado Local Xusto de San Sadurniño

ARY LÓPEZ | Domingo 30 xuño 2013 | 22:18

Queixos, pans, flores, plantas, froitas, sidra, verduras, legumes, libros, discos, roupa ou reliquias foron algúns dos ingredientes esenciais para a preparación do I Mercado Local Xusto, celebrado hoxe en San Sadurniño. Unha iniciativa levada a cabo polo Concello que congregou a uns oitenta comerciantes no entorno da praza da localidade, no adro do convento do Rosario e no aparcadoiro público.

De nove e media da mañá a tres da tarde, os diferentes postos realizaron intercambio de produtos ecolóxicos e de excedente, artigos de segunda man e artesanía.

Manolo Varela, concelleiro de Cultura, Participación veciñal e Turismo do Concello de San Sadurniño, indicou que unha das intencións deste mercado é «dinamizar o rural, favorecer a venda de produtos de proximidade, potenciando a compra local e poñer novamente en valor o intercambio de bens entre pequenas comunidades». Algo que, dí, «nunca se debería perder».

Asimesmo, trátase de conseguir un beneficio mutuo para o vendedor e o cliente acadando un prezo máis razoable, logo de evitar a función dos intermediarios.

Produtores ecolóxicos

Duarte e Sergio son dous mozos produtores de excedente de horta desde o pasado mes de decembro. Despois de varios anos estudando e comprobando a dificultade de atopar traballo, viron no campo unha saída laboral oportuna para facer fronte aos atrancos económicos actuais.

Dunha horta de Esmelle, obteñen gran variedade de produtos como: pementos, berenxenas, leitugas, acelgas, cenorias, ovos de Galiña Piñeira ou cebolas, que chegan ás familias directamente, sen intermediarios. Sinala Duarte que aínda non precisan de páxina web porque o boca a boca é suficiente para o pouco tempo que levan cultivando. «A nosa idea é apostar pola localidade e a temporalidade», engade.

Duarte e Sergio no seu posto a piques de finaliza-la xornada de Mercado.        (Foto: Ary López)

Duarte e Sergio no seu posto a piques de finalizar a xornada do Mercado (foto: Ary López)

Posto da Cooperativa de Mulleres Equisol (Foto: Ary López)

Posto da Cooperativa de Mulleres Equisol (Foto: Ary López)

O vindeiro obxectivo que queren acadar é enfocar o seu cultivo ás necesidades de cada cliente para poder abastecelo durante todo o ano. «Defendemos o concepto de agricultor persoal, de confianza», sinala. Para eles, o mercado de hoxe foi positivo, xa que venderon practicamente todo o que tiñan.

Por outra banda, Cristina Morais, desde a Cooperativa de Mulleres Equisol (Equidade e Solidariedade), ofrece artigos de comercio xusto e consumo responsable. Esta sociedade leva tres anos funcionando e conta con dúas tendas en Santiago (na Praza de Abastos e na rúa Gómez Ulla). Acudir aos mercados é, segundo Cristina, unha vía fundamental para a venda de café, cacao, cereais, artesanía ou cosmética ecolóxica. Produtos que importan de Latinoamérica, África, Bangladesh ou India, ao traverso de distintas oenegués.

Resultado exitoso

Parece que esta primeira proba do Mercado Local Xusto foi superada. Por se quedaba algunha dúbida, o da casa sempre ofrece maior confianza. O tempo acompañou e a opinión xeralizada coincidiu no resultado exitoso desta iniciativa, que seguirá a repetirse, probablemente, en diferentes épocas do ano. Polo momento, o seguinte encontro de mercado rural en San Sadurniño será o vindeiro 25 de agosto na xa tradicional Feira Rural, que celebrará este ano a súa quinta edición.

 

Ver galería de imaxes

Comentar

Su dirección de correo electrónico no será publicada.Los campos necesarios están marcados *

*

En Ferrol360 utilizamos cookies para que tengas la mejor experiencia de usuario. Si continúas navegando, estás dando tu consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies. Puedes pinchar el enlace para tener más información. ACEPTAR
Aviso de cookies