Home / Sociedad / Tendencias / Mercadillos / Gran estrea do novo mercado de Moeche

Gran estrea do novo mercado de Moeche

FERROL360 | Sábado 30 decembro 2017 | 20:07

Este sábado abriu ás súas portas a remodelada nave dos tecidos da feira de Moeche convertida en espazo multiusos e, principalmente, en mercado de proximidade no que atopar todo tipo de produtos locais de calidade. Unha estrea que estivo acompañada por un bo número de xente e tamén por representantes políticos locais, da comarca, da Deputación da Coruña e mesmo da Xunta.

No acto de inauguración estiveron presentes a alcaldesa de Moeche, Beatriz Bascoy, a directora xeral de Comercio, Sol María Vázquez, a vicepresidenta da Deputación, Goretti Sanmartín, o deputado da comarca Xesús Soto e o alcalde de San Sadurniño, Secundino García.

O Mercado de Moeche inicia así a súa actividade con oito postos de alimentos frescos da zona e artesanía. Terá unha periodicidade semanal, todos os sábados de 10.00 a 14.00 horas, e contará con degustacións gastronómicas e espectáculos ao vivo.

O Concello busca así poñer en marcha unha nova canle ca que darlle saída á produción local e, ao mesmo tempo, converter o mercado nun referente onde se dean cita o sector agroalimentario e a clientela pontencial da zona.

A alcaldesa, Beatriz Bascoy, salienta que a iniciativa pretende «dinamizar a economía prestando especial atención á comercialización dos produtos locais e autóctonos, facilitándolles aos pequenos produtores un espazo agradable e ben equipado que sirva de punto de encontro coa veciñanza e tamén con quen visita Moeche».

O mercado conta cun posto de verduras e legumes, outro de queixos e produtos lácteos, un de pan e doces e outro de embutidos. Haberá tamén un punto de venda de peixe, outro de flores e agasallos e un posto de artesanía, que será rotatorio en función da demanda. O Concello reserva para uso propio outros dous expositores, que se utilizarán para expor «produtos de interese local ou veciñal», explicou Beatriz Bascoy.

A remodelación da antiga nave dos tecidos da feira contou cun investimento de 80.000 euros achegados pola Deputación da Coruña dentro da liña de créditos do POS+. A parte de dinamización comercial tivo un orzamento de 97.000 euros, subvencionados nun 61 % pola Dirección Xeral de Comercio e Consumo mentres que o 39 % restante corresponde coa parte municipal, financiada tamén con cargo á liña crediticia do Plan Único de Concellos da Deputación.

Comentar

Su dirección de correo electrónico no será publicada.Los campos necesarios están marcados *

*

En Ferrol360 utilizamos cookies para que tengas la mejor experiencia de usuario. Si continúas navegando, estás dando tu consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies. Puedes pinchar el enlace para tener más información. ACEPTAR
Aviso de cookies