Home / Ferrolterra / Cedeira / Guadi Galego aterriza no Jofre con ´Síntese Horizonte´ e as entradas esgotadas

Guadi Galego aterriza no Jofre con ´Síntese Horizonte´ e as entradas esgotadas

Fotografía cedida

ALICIA SEOANE | Ferrol | Xoves 25 xaneiro 2024 | 07:45

Guadi Galego presenta Síntese Horizonte, o seu novo directo, no que a cantante e compositora regresa aos escenarios galegos tras máis dun ano de ausencia cun espectáculo que presentará o próximo 27 de xaneiro no teatro Jofre ás 20.30 horas.

Aproveitando a súa actuación desta fin de semana en Ferrol, falamos con ela. No seu 50 aniversario, móstrase contenta e ilusionada co espectáculo, pero tamén expectante pola acollida que poida ter no público: «Síntese Horizonte é un espectáculo para vir cos ollos, as orellas e o corazón moi abertos».

Á cantante gustaríalle que a proposta sexa máis que un concerto, xa que está concebido como un espectáculo sonoro que pasa por moitos estados, «dende sentimentos duros a sentimentos de esperanza, o espectáculo vai tocando distintas emocións».

Logo de Roibén (2022) e dunha simbólica ausencia nos escenarios do país, Guadi Galego segue a atravesar etapas e dá paso a novos horizontes, sen esquecer que a vida existiu e persiste nela.

«Síntome moi viva e consciente do que isto significa, ás veces nos metemos no automático e non somos conscientes do valor que ten isto», explícanos cando lle damos os parabéns polo seu aniversario.

En Síntese Horizonte, Guadi Galego reivindica a firme crenza do poder transformador da música
ao vivo. A artista vai acompañada dunha banda formada por grandes artistas do país, reunida especialmente para a ocasión.

É o caso de Guillerme Fernández (guitarra acústica eléctrica e sintetizada), Rubén Iglesias (baixo e sintetizadores), Isaac Palacín (batería e percursión), Álex Fernández (teclados) e dun coro conformado por Paula Romero, Faia Díaz, Inés Salvado e Rocío Giménez.

A produción de Síntese Horizonte destaca, tamén, tanto pola súa coidada iluminación (baixo a
dirección e o deseño de Laura Iturralde e José Faro, de NONONON.LAB, como pola súa posta en
escea de Marina Oural e Ugía Pedreira -Oficina Galega de Outros Asuntos do Movemento-), froito do
traballo en común que as artistas desenvolven, desde hai meses, baixo a premisa de ofrecer ao público unha experiencia musical única e transformadora.

Para Guadi, pasar polo teatro Jofre era unha cita imprescindible: «Tiña claro que quería vir tocar aquí porque son desta terra e gústame moito este teatro». Unha cita imperdible para todas as persoas amantes da boa música do país, nun evento que busca que a música brille por riba de todo.

Comentar

Su dirección de correo electrónico no será publicada.Los campos necesarios están marcados *

*

En Ferrol360 utilizamos cookies para que tengas la mejor experiencia de usuario. Si continúas navegando, estás dando tu consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies. Puedes pinchar el enlace para tener más información. ACEPTAR
Aviso de cookies