Home / REC360 / Crónica / Ialma en Ferrol: Terra, fala e morriña entre alalás, rumbas e pandeiretas

Ialma en Ferrol: Terra, fala e morriña entre alalás, rumbas e pandeiretas

Ialma no Jofre (foto: Alicia Seoane)

TEXTO e FOTOGRAFÍAS: ALICIA SEOANE | Ferrol | Xoves 18 mayo 2023 | 11:49

Este mércores tivemos a Ialma no Jofre, festexando o día das Letras Galegas. Ialma son catro mulleres: dúas irmás, Verónica e Natalia Codesal, e máis Marisol Palomo e a súa filla Eva Fernández. Elas catro son unha familia, que se coñeceron cando Marisol lles daba clases de baile tradicional no Centro Galego de Bruxelas, hai máis de vinte anos.

Entre elas unha historia foise tecendo en común: a morriña que vai calando o corpo cando es filla de emigrantes. Os seus pais marcharon de Galicia no franquismo, cando aquí non deixaban falar, nin bailar, nin brindar, e así o lembran xuntas cantando a Rosalía no día das nosas Letras. 

Esta xira de Ialma canta a Rosalíanace como un sentimento compartido coa poeta, pero tamén van narrando as súas propias historias e as da súa familia, que tiveron que marchar: «A min o meu pai sempre contoume que eles falaban galego, e que non sabían falar castelán. Cando ían ás cidades, tiñan que falar en castelán porque se non ríanse deles. Nós sempre lembramos nos nosos concertos o noso orgullo porque podemos cantar en galego, e dar a coñecer a nosa lingua polo mundo», lembra Verónica.

Alá polos anos 90, elas xa bailaban, pero ás veces tiñan profesores que tamén as animaban a cantar. Neses anos comezan a meter voz. Pouco tempo despois comenzaron facer as recolleitas. Así elas veñen a coñecer en Galiza ás persoas maiores que cantaban e tocaban. «Para nós era moi importante coñecer esa base das nosas músicas, e entender o xeito de como se cantaba e tocaba», explica Marisol Palomo. Sobre isto participaron nun documental chamado Tempo de recolleita.

A súa xira galega terminou en Ferrol, o día das Letras, o que fai que estean moi ilusionadas, agradecidas e tamén un pouco axitadas nos intres antes da actuación. Entre o público tivemos a Mercedes Peón, coa que Verónica fará algunha colaboración do seu disco en solitario, Cen voltas, que o presentará en xullo en Santiago: «Tela con nós hoxe sempre mete máis presión, pero é unha presión boa, de querer dar o mellor de nós mesmas».

O concerto tivo momentos moi emotivos: Marisol facendo algunhas preguntas á súa avoa, interrogantes que todos os que tivemos familia emigrada nos plantexamos nalgún momento. Este canto a Rosalía, co que elas identifícanse, non pode ser máis actual, pois hoxe en día na maior parte de países, moitos nenos nas escolas son fillos de inmigrantes, e estas cuestións sempre tocan na dor, e no sentimento dos que teñen que facer a maleta e deixar atrás a súa terra.

Terra, fala, familia… Tantas cousas que un sempre leva dentro. E elas o comparten como mellor poden facelo, entre alalás, rumbas, pandeiretas, muiñeiras, e cun toque de festa que levantounos a todos da butaca. Festexando con elas un día tan especial para nós como é o días das nosas Letras. 

Comentar

Su dirección de correo electrónico no será publicada.Los campos necesarios están marcados *

*

En Ferrol360 utilizamos cookies para que tengas la mejor experiencia de usuario. Si continúas navegando, estás dando tu consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies. Puedes pinchar el enlace para tener más información. ACEPTAR
Aviso de cookies