FERROL360 | Mércores 1 xuño 2016 | 19:47
Os representantes municipais de Iniciativa Cidadá de Mugardos no Concello, Miguel Ángel Bastida, Paula Morgade e César Pena, participarán este venres nun acto no que explicarán o traballo realizado ao longo dos primeiros doce meses na corporación.
Os concelleiros responderán «a cantas preguntas, suxestións e queixas considere oportuno facer o público asistente», indican nun comunicado. O grupo anima á veciñanza a que asista a este «acto de transparencia e participación, que cumpre o compromiso asumido no noso Código Ético».
O acto terá lugar este venres, ás 20:00 horas, no Casino Progreso de Franza. Será o seu primeiro acto de rendición de contas, segundo indican desde ICM.