REBECA COLLADO | Narón | Domingo 17 setembro 2017 | 20:03
Tras 34 anos como concelleiro, dos cales os oito últimos foron como alcalde, José Manuel Blanco di adeus ao Concello de Narón. Afronta a derradeira semana como rexedor da localidade coa tranquilidade de quen ten os deberes feitos e afronta unha nova etapa con ilusión e ganas, sen mirar demasiado aquelo que deixa atrás.
«Despois da política hai vida», afirma, e aínda que continuará como membro de Terra Galega será un militante máis. O seu tempo agora será sobre todo para a súa familia, para viaxar, ler e para seguir na rúa, en Narón, polos seus barrios charlando cos seus veciños.
FERROL360 – O sábado 23 de setembro será o teu derradeiro pleno no Concello de Narón. Como vives estes días?
JOSÉMANUELBLANCO – Con moita tranquilidade e sen deixar de traballar. De feito, o luns temos un pleno extraordinario porque a activide non para. Pasiño a pasiño tamén estamos facendo o traspaso de poderes a Marián Ferreiro, pero ela está ao día porque levamos máis de dous anos porta con porta. Coñece o funcionamento do Concello e tamén as problemáticas de Narón, e está máis que preparada.
360 – Estas ultimando algunha cousa pendente? Hai algo que queres deixar listo antes de marchar?
JMB – Non. En Terra Galega temos un proxecto de presente e futuro para Narón que non vai parar, nin vai cambiar, cando eu marche porque non é un proxecto persoal é o proxecto dun equipo. Agora hai que adaptalo aos novos tempos e é o momento de renovar e que outra xente se involucre.
360 – Porque decides deixar o cargo agora?
JMB – Sempre dixen que dúas lexislaturas son suficientes e cheguei á idade de xubilación -risas-. Eu non son de quedar no sillón e que me teñan que sacar con auga fervendo. Cando cheguei á Alcaldía, hai oito anos e oito meses, toucoume vivir tempos complicados, a etapa máis dura da crise. En 2008 Narón recadou tres millóns de euros en licenzas de obra e podíanse realizar inversión, cando eu entrei esa cifra baixou e centrámonos en axudar ás familias con amplicación de bonificacións, axudas sociais e sen esquecer a cultura, o deporte, a infancia e os maiores. De aí non nos movemos. Logo se as cousas van ben entón podemos facer inversións.
360 – Deixarás por completo a política?
JMB – O Concello sí, pero continuaré como membro de Terra Galega. Serei un militante máis, non vou interferir máis alá de dar a miña opinión. Xa non será a actividade diaria política e na campaña estarei para o que me pidan.
360 – Nestes 34 anos no Concello de Narón, cal foi o maior logro ou o proxecto máis importante para ti?
JMB – Vivín un Narón diseñado para ser sitio de residencia para os traballadores de Astano e Bazán. Un Narón que non tiña servizos de ningún tipo. O máis importante para min foi ser partícipe do plan de 1985 onde diseñamos como queríamos que fora o municipio. Un Narón urbano, con chan industrial, con colexios, cun centro médico, etc. Eu comecei a involucrarme estando na asociación de veciños do meu barrio e era unha reivindicación de todos. Vivir todo este período e ver que o Narón de entón non ten nada que ver co de hoxe.
360 – E quedou algo no tinteiro?
JMB – A interconexión dos barrios, que é realmente difícil pola lei do solo, seguimos precisando un colexio no Alto e hai que ampliar zonas verdes e zonas de paseo, pero grandes temas non quedan, estou contento do que se fixo. Acabamos o saneamento da ría, conseguimos rebaixar o protocolo para o centro de saúde de 2,7 millóns de euros a 1,4 que ten que sufragar o Concello, temos acordos na Mancomunidade para xestionar de forma conxunta servizos como a recollida do lixo e o saneamento da zona sur e norte e esta é a forma, traballar en conxunto. Eu non creo en xuntar Ferrol e Narón de forma artificial, creo en traballar conxuntamente para lograr cousas como os fondos Edusi.
Cando entrei de alcalde había nove millóns de euros en caixa e una débeda de dez millóns de euros porque estábanse a pagar as inversións realizadas na construción do Pazo da Cultura, obras dos fondos Feder, etc. Agora haberá nove ou dez millóns de euros en caixa e unha débeda de tres millóns e medio. E iso que vivimos unha importante crise económica.
360 – Que botarás máis en falta a partir do sábado?
JMB – Moitas cousas porque son moitos anos. As reunións, a relación cos funcionarios e cos compañeiros porque para min merece un recoñecemento a corporación de Narón, ao marxe da campaña electoral na que algúns pensaron que inxuriar lle podía dar vantaxe política. É unha corporación moi especial, sabe traballar en conxunto e ten sentido común para facer política entre todos. Nos plenos apróbanse case todos os temas por unanimidade, sen liortas e horas e horas de sesión. Os temas discútense en comisión e non pleno vótanse.
360 – Algún consello para quen será a primeira alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro?
JMB – Non lle fai falta. Marián ten o meu total apoio, aínda que creo que non o vai precisar. Estarei á súa disposición para o que queira. É unha muller traballadora, ten paciencia e sabe escoitar, moi importante para ser unha boa alcaldesa.
360 – Despois do sábado, que lle espera a José Manuel Blanco?
JMB – Non ter que madrugar -risas-. Serei como calquer outro xubilado. Estarei todos os días na rúa, falarei cos veciños como un veciños máis e farei as cousas que non puiden facer este anos. O primeiro, estar coa familia.
360 – Vai ser o sábado un día duro?
JMB – Para min vai ser un día festivo porque vou participar na investidura da primeira alcaldesa de Narón e despois celebraremos unha pequena festa. Despois da política hai vida.