FERROL360 | Mércores 3 febreiro 2016 | 18:29
A Obra Social de «la Caixa» aportará unha achega de 30.000 euros á UDC para contribuír ás axudas ao transporte urbano na cidade da Coruña e para as áreas de transporte metropolitano na Coruña e Ferrol.
Esta partida, máis unha da propia Universidade, vén a cubrir a práctica totalidade da demanda de axudas para este servizo. Unha demanda que non estaba satisfeita por completo por falta de orzamento.
O reitor da UDC, Julio Abalde, reuniuse este mércores co director territorial de Caixabank, Marc Benhamou, nun encontro que serviu para fixar este acordo. Benhamou destacou o compromiso con A Coruña e Ferrol e salientou que «somos unha entidade sensible ás demandas do noso contorno», o que «lévanos a colaborar con proxectos próximos como este coa Universidade da Coruña», concluíu.
Ademais desta colaboración puntual, o director territorial de Caixabank manifestou o seu interese en traballar conxuntamente coa Universidade en proxectos de inserción laboral ou en temas de voluntariado e apoio á diversidade, aspectos en que a Obra Social traballa con éxito desde hai tempo.
Pola súa banda, o reitor destacou a importancia deste aporte económico que, destinado integramente ao alumnado, facilita o seu acceso á Universidade. Así mesmo, manifestou a súa intención de seguir coa apertura da universidade á colaboración coas entidades e empresas do contorno.