Home / Eume / Cabanas / Lecturas de poemas, faladoiro, teatro e unha plantación para lembrar a Rosalía de Castro

Lecturas de poemas, faladoiro, teatro e unha plantación para lembrar a Rosalía de Castro

FERROL360 | Martes 18 febreiro 2020 | 9:55

O vindeiro 24 de febreiro conmemórase o nacemento dunha das grandes de Galicia: Rosalía de Castro. Para lembrar a súa figura e homenaxear á escritora, os Concellos das comarcas preparan un completo calendario de actividades con lecturas dos seus poemas, unha representación teatral e mesmo unha plantación dun fillo da figueira da Casa Museo de Rosalía.

En Narón, a primeira das citas do programa de actos do Día de Rosalía terá lugar o venres 21 de febreiro, ás 19.00 horas, na Biblioteca municipal, donde se convocou o faladoiro: «De Rosalía de Castro a hoxe: A escrita feminista na literatura galega», a cargo da escritora e traductora María Reimóndez.

Trátase dunha actividade dirixida a público xuvenil e adulto na que se tomará como punto de partida a escrita de Rosalía de Castro, para interrogar as dificultades, silencios e logros das escritoras feministas en Galicia.

O sábado día 22, tamén na Biblioteca, haberá un obradoiro de marcapáxinas ás 11.15 horas, pensado para nenas e nenos a partir de tres anos. Aqueles interesados en asistir deben anotarse a partir de este martes na sala de adultos da Biblioteca ou chamando ao número de teléfono das instalacións -981 382 173- no horario de apertura.

A continuación, sobre as 12.00 horas, terá lugar o acto de lectura pública da obra de Rosalía de Castro, aberto á cidadanía en xeral. As persoas que se acheguen á Biblioteca terán a oportunidade de ler un poema ou un fragmento da obra de Rosalía de Castro, que poderán levar dende as súas casas xa elixido ou seleccionar algún dos que estarán preparados na Biblioteca para este acto.

Máis tarde, sobre as 12.45 horas, procederase a plantar un fillo da figueira da Casa Museo de Rosalía, doado pola Fundación Rosalía de Castro, no parque da rúa Rosalía de Castro na Gándara.

Tamén haberá actividades na Ludoteca-Axencia de Lectura da Solaina o venres 21, coa elaboración dun xogo de mesa que permitirá aos nenos e nenas coñecer máis polo miúdo a vida e obra desta escritora e o que representou e aportou á literatura e cultura galegas. A actividade desenvolverase entre as 16.00 e as 18.00 horas.

Así mesmo, tanto na xornada do venres 21 como o sábado 22, as persoas que leven en préstamo un libro en galego da Biblioteca central, da Axencia de Lectura da Gándara ou da Ludoteca-Axencia de Lectura da Solaina, recibirán como agasallo unha flor. Tamén a recibirán as persoas que merquen un libro en galego nas oito librarías naronesas que colaborarán un ano máis nesta iniciativa organizada polo Concello con motivo do Día de Rosalía: Day, Nova, Contos, Nany, Merche, Albatros, Fina e Pasapáxina.

Máis actividades

O Concello de Cabanas súmase á celebración do Día de Rosalía cunha actividade orientada ao público infantil e xuvenil. Trátase do espectáculo A Estrela de Rosalía, que chega da man de Marisa Irimia e que combina actividades de poesía e narración para pór en valor a figura de Rosalía de Castro, como referente cultural de Galiza e adaíl do feminismo e a loita social.

A actividade terá lugar este venres 21 de febreiro, ás 18.00 horas, no Salón de Plenos O acceso é gratuíto.

En Ferrol, os actos terán lugar o domingo 23, ás 12.00 horas, na Praza Rosalía de Castro, en San Xoán de Filgueira. Haberá un concerto de Xoán Padín e unha ofrenda floral. A continuación, leranse poemas da escritora galega e repartiranse agasallos conmemorativos.

Ademais, os usuarios da Biblioteca central que leven prestado un libro o día 24 de febreiro recibirán un marcapáxinas con poemas de Rosalía de Castro.

Comentar

Su dirección de correo electrónico no será publicada.Los campos necesarios están marcados *

*

En Ferrol360 utilizamos cookies para que tengas la mejor experiencia de usuario. Si continúas navegando, estás dando tu consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies. Puedes pinchar el enlace para tener más información. ACEPTAR
Aviso de cookies