FERROL360 | Domingo 6 febreiro 2022 | 17:21
A Área Sanitaria de Ferrol incluíu a un total de 1.305 pacientes durante 2021 nas sete vías rápidas que están en marcha nas comarcas e contemplan cancros como o de colorrectal, mama, próstata, pulmón, melanoma, de cabeza e colo, e de vexiga, e que pretenden a deteción precoz dos mesmos.
Estas vías son son circuítos asistenciais para a abordaxe de pacientes con sospeita dun posible cancro, explican desde a Área. A finalidade é que o tempo que transcorra entre o diagnóstico de sospeita e a primeira actividade terapéutica non sexa superior ós 30 días. A clave está na coordinación e no traballo dos equipos multidisciplinares.
Coa implantación destas vías procúrase que o diagnóstico se faga o más rápido posible e conséguense melloras no que respecta ós tempos de resposta, evitando ademais a duplicidade de probas ou actividades redundantes. No desglose, atendéronse 153 pacientes de cabeza e colo no 2021, 170 de colorrectal, 311 de mama, 85 de melanoma, 245 de próstata, 151 de pulmón y 190 de vexiga.
Cando un médico do centro de saúde, dunha consulta especializada ou de urxencias sospeita dun posible cancro, pode contactar con esta vía de acceso directo co especialista hospitalario máis axeitado, xerando unha cita na consulta específica, onde será valorado e se pedirán as probas oportunas.
En termos xerais, informa a Área, o Servizo de Oncoloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol realizou, durante o pasado ano 2021, un total de 18.304 consultas, producíronse un total de 246 ingresos hospitalarios e administráronse un total de 7.850 tratamentos oncolóxicos.