Home / Cultura / Máis de 180 alumnos e alumnas de escolas de baile participan no Festival MuDanzas

Máis de 180 alumnos e alumnas de escolas de baile participan no Festival MuDanzas

FERROL360 | Xoves 4 xullo 2019 | 9:05

Mugardos encherase de baile e ritmo desde este xoves e ata o domingo coa terceira edición do Festival MuDanzas. Un evento que conxugará de novo a formación con cursos e talleres de diferentes estilos de danza, que serán impartidos por destacados profesores, e espectáculos, tanto polos profesionais como dos alumnos e alumnas que participarán nas clases e que amosarán sobre o escenario as súas coreografías.

Hai máis de 180 persoas inscritas no festival, desde os seis aos 70 anos, e desde a organización sublíñase que aínda está aberta a inscrición, que mesmo poderá formalizarse nalgúns talleres unha vez inaugurado o evento.

Jesús Marcos Doval, do club local Móvete, salienta a participación da parella de baile formada por Guillem Pascual e Rosa Carné, actualmente no número nove do ranking mundial de baile deportivo, que impartirán un curso no MuDanzas e ofrecerán un espectáculo o sábado pola noite.

O programa terá na escola das Lagoas a ubicación principal das clases e talleres. Alí comezará o programa este xoves, de 21.30 a 22.30 horas, e continuarán os cursos o venres. O programa do sábado incluirá formación, tanto nas Lagoas como no Casino Mugardés, e o I Campionato MuDanzas, no que participarán os alumnos e alumnas, no Cantón de Cora a partir das 17.00 horas.

Na mesma xornada, haberá unha churrascada popular nas Casas Baratas, a partir das 20.00 horas, e o Casino Mugardés acollerá un curso de iniciación á Kixomba e shows profesionais pola noite.

As clases e os adestramentos terán tamén o seu espazo o domingo, xornada na que hai programado un curso de motivación aplicada ao baile, e pola tarde celebraranse os espectáculos de final de festival na praza do Concello, un espazo recentemente recuperado para o uso público.

O Festival MuDanzas abrangue moi diversas disciplinas, entre as que están o baile deportivo, a danza coreográfica, a salsa en dous, a bachata, a danza contemporánea, o ballet, os bailes caribeños, danzas urbanas e baile tradicional galego. Os alumnos e alumnas participantes proceden das escolas de danza da contorna e o Concello vai habilitar a Casa da Cultura para que parte deles poidan aloxarse na vila durante os días do festival.

Comentar

Su dirección de correo electrónico no será publicada.Los campos necesarios están marcados *

*

En Ferrol360 utilizamos cookies para que tengas la mejor experiencia de usuario. Si continúas navegando, estás dando tu consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies. Puedes pinchar el enlace para tener más información. ACEPTAR
Aviso de cookies