Home / Sociedad / Ocio / Máis de 40 cativos participan nos cursos da piscina municipal de San Sadurniño

Máis de 40 cativos participan nos cursos da piscina municipal de San Sadurniño

FERROL360 | Luns 1 agosto 2016 | 11:00

A piscina de San Sadurniño está a rexistrar este verán unha afluencia de público maior que en tempadas anteriores, tanto no que se refire á venda de entradas e abonos, como as inscricións para participar nos cursos de natación que se ofrecen polas mañás.

Un total de 45 nenos e nenas asisten os luns, mércores e venres ás clases de prenatación, iniciación e perfeccionamento. As sesións están concibidas como algo a medio camiño entre o xogo e a aprendizaxe.

O grupo de prenatación está pensado para os nenos e nenas máis pequenas, trabállase a adaptación á auga; no de iniciación a rapazada empeza a ser autónoma dentro da piscina e, xa en perfeccionamento, a cativería que sabe nadar mellora a súa técnica respiratoria e aprende distintos estilos.

A temporada da piscina municipal pechará o 11 de setembro. Durante todo o mes de agosto as instalacións estarán abertas para baños libres desde as 15:00 até as 21:00 horas pola semana e de 12:00 a 21:00 horas durante as fins de semana e días festivos. Ademais, a cafetería abre desde as 10:00 horas ata que pecha o vaso.

Reforma da piscina

Unha vez remate a temporada, o Concello de San Sadurniño acometerá unha importante reforma do contorno da piscina. O procedemento de contratación das obras na área de Currás xa está en marcha e cifrouse nun prezo de licitación de algo máis de 135.000 euros. Cartos provenientes de fondos xestionados pola Deputación da Coruña a través do Plan de Acción Social 2016.

O obxectivo do Concello é converter os espazos anexos á piscina nun lugar de lecer que poida empregarse durante todo o ano. Tal e como indica a arquitecta municipal no proxecto, o que se busca é «ordenar os accesos e ampliar os lugares de lecer, incorporando novo mobiliario exterior e mellorando as edificacións existentes dos vestiarios e das gradas para dotar ao conxunto do espazo dunha imaxe atraente e renovada».

Para iso está previsto acometer un total de 25 actuacións na zona que non lle afectarán ao vaso. Entre elas destacan a eliminación de parte dos peches perimetrais, o reacondicionamento das edificacións, a redistribución de espazos arborados, a dotación con novo mobiliario e elementos decorativos e, sobre todo, a ampliación da área de lecer a unha leira anexa á piscina que agora se emprega como aparcadoiro.

Outra novidade é o aproveitamento de parte do recinto como pista deportiva e a preparación da banda leste do campo de fútbol como lugar de estacionamento.

Comentar

Su dirección de correo electrónico no será publicada.Los campos necesarios están marcados *

*

En Ferrol360 utilizamos cookies para que tengas la mejor experiencia de usuario. Si continúas navegando, estás dando tu consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies. Puedes pinchar el enlace para tener más información. ACEPTAR
Aviso de cookies