Home / Cultura / María Cristina Pavón e Isaac Lourido, gañadores do XX Premio Ricardo Carvalho Calero

María Cristina Pavón e Isaac Lourido, gañadores do XX Premio Ricardo Carvalho Calero

MARTA CORRAL | Ferrol | Venres 3 outubro 2014 | 17:52

O concelleiro de Cultura do Concello de Ferrol, Manuel-Reyes García Hurtado, e a presidenta da asociación cultural Medulio, Elia Rico, deron a coñecer este venres as obras gañadoras da décima edición do Premio Ricardo Carvalho Calero de Investigación e Creación Literaria.

A obra A busca da orixe perdida das especies de María Cristina Pavón Mauriz, resultou elixida no apartado de creación literaria, mentres que História literária e conflito cultural. Bases para uma história sistémica da literatura na Galiza, do ferrolán Isaac Lourido Hermida, foi a gañadora da modalidade de investigación lingüística.

O Premio Ricardo Carvalho Calero na actualidade ten carácter bianual e procura a defensa da lingua galega en todas as súas variantes, de feito, é o único certame que admite obras escritas en galego reintegracionista, tal e como subliñou o edil de Cultura.

Manuel-Reyes García aproveitou o acto para facer un alegación a prol da lingua galega e o seu uso por parte a Administración. En galego e deixando claro que a súa segunda lingua é o catalán, o concelleiro defendeu a utilización do galego por parte dos políticos que teñen «a obriga e o deber de empregalo» e de xeito especial en Ferrol: «Se non damos exemplo nós, quen falará galego?» sinalou.

Pola súa banda, Elia Rico, completou o discurso do edil, afirmando que «a única maneira de prestixiar a lingua é que a xente que teña representación pública a fale». Para Rico, a perda da identidade dos pobos pasa polo desuso da lingua, que é parte fundamental da cultura e das tradicións e froito dunha «construción común».

Incremento na contía do premio

O xurado responsable do fallo do XX Premio Carvalho Calero estivo formado por Mercedes Queixas Zás, Miguel Mato Fondo, Xesús Constela Doce e Luis García Soto, o gañador da edición pasada, exercendo coma presidente e secretaria, pero sen voto, o edil de Cultura e a responsable da asociación.

A pesares de que noutras edicións quedaron os galardóns desertos pola falla de calidade nas obras presentadas, este ano, observouse un salto cualitativo. Foron 20 as obras candidatas na modalidade de creación literaria e catro en investigación.

Manuel-Reyes García aproveitou para anunciar o incremento do premio en metálico para a vindeira edición do premio. Así, se este ano os gañadores recollerán -nun principio a entrega será o día 24 de outubro ás 13:00 horas no concello-, senllos cheques por valor de 3.500 euros, no 2016 serán 5.000 euros para cada un. Ademais, as obras verán a luz en papel nunha publicación da editorial Laiovento.

Manuel-Reyes García Hurtado e Elia Rico na rolda de prensa deste venres (foto: Concello de Ferrol)

Manuel-Reyes García Hurtado e Elia Rico na rolda de prensa deste venres (foto: Concello de Ferrol)

Comentar

Su dirección de correo electrónico no será publicada.Los campos necesarios están marcados *

*

En Ferrol360 utilizamos cookies para que tengas la mejor experiencia de usuario. Si continúas navegando, estás dando tu consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies. Puedes pinchar el enlace para tener más información. ACEPTAR
Aviso de cookies