Home / Cultura / Marián Bañobre, actriz ferrolana, presenta «Deadpan karaoke» en Narón

Marián Bañobre, actriz ferrolana, presenta «Deadpan karaoke» en Narón

Marián Bañobre. Fotografía: Diego Seixo

FERROL360 | Viernes 1 de marzo 2024 | 14:30

Deadpan Karaoke é o décimo espectáculo da compañía Ibuprofeno Teatro, este sábado 2 de marzo, aterrizan ás 20:00h no Pazo da Cultura de Narón, dentro do Festival Singular, un festival adicado ao monólogo teatral, para fomentar propostas unipersoais. Unha aposta firme da Concellería de cultura de Narón, por fomentar o teatro e as artes escénicas.

O espectáculo é unha viaxe a través do humor, da música e do cine para tratar de pescudar se hai lugar para o amor nesta sociedade tardocapitalista na que vivimos. A través do personaxe de Deadpan, que non pode sentir nin expresar emoción, Marián Bañobre preséntanos cuestións que ocupan aos filósofos e sociólogos contemporáneos.

A proposta ten unha clara ambición plástica e coloca ao espectador nun karaoke que transita do real ao onírico, do cine á vida a través da música e da sorpresa. Un espectáculo participativo para deixarse levar, para atreverse e para cuestionarse.

Un equipo maiormente feminino

A directora Patricia Rodríguez e a actriz Marián Bañobre rodeáronse para a creación deste espectáculo dun equipo maiormente feminino: Laura Porto como asesora de dramaturxia, Carmela Bueno como axudante de dirección e coreógrafa, Mónica de Nut no deseño de son e na composición musical, Violeta Martínez no deseño de iluminación e escenografía, Marta Valverde, Gustaf Nilsson e Javier Lueje no deseño de audiovisuais, Baia Fernández na caracterización, María Costas como profesora de canto e Ana Cardoso como asesora de xénero.

Patricia Rodríguez é a primeira directora convidada por Ibuprofeno Teatro para a creación dun espectáculo. Compaxina desde 2020 o seu traballo na compañía londinense Little Soldier co proxecto teatral asturiano Las Ganas. Con máis de 27 anos de traxectoria, o seu desenvolvemento profesional está moi vinculado á súa traxectoria internacional realizada entre Estados Unidos, México, Polonia, China, Lituania, Luxemburgo, Alemaña e moi especialmente Reino Unido.

A actriz Marián Bañobre volve neste espectáculo ás súas orixes como clown cun unipersoal, igual que cando hai máis dunha década a compañía iniciou a súa andadura profesional coa montaxe A filla de Woody Allen. Debuta como actriz de teatro aos 15 anos e dende entón participou en medio cento de producións profesionais dentro e fóra de Galicia, non só como intérprete, senón tamén como clown, creadora-directora escénica e deseñadora de vestiario. Traballa tamén como docente, principalmente de técnicas de clown e creación escénica e é licenciada en Socioloxía, disciplina da que se nutriu na creación de Deadpan Karaoke, un dos seus traballos máis persoais. 

Conta con cinco Premios María Casares: Mellor Actriz Secundaria por Tartufo de Teatro de Ningures, Mellor Actriz Protagonista por Pequenos Actos Pseudorrevolucionarios de Ibuprofeno Teatro, Mellor Vestiario por O Furancho de Ibuprofeno Teatro, Mellor Dirección e Adaptación (xunto a Santiago Cortegoso) por Invisibles de Redrum Teatro.

Ibuprofeno Teatro

Deadpan Karaoke é o décimo espectáculo de Ibuprofeno Teatro, compañía fundada por Marián Bañobre e Santiago Cortegoso para emprender proxectos teatrais de xeito independente. A compañía leva a cabo espectáculos de autor para público adulto, ben a partir de textos creados previamente como Raclette ou Casa O’Rei ou ben integrando a dramaturxia no proceso de creación e posta en escena como A filla de Woody Allen ou O mel non caduca, espectáculo que veñen de presentar nos Festivais de Manizales e San Ignacio en Colombia.

O seu traballo puido verse nalgúns dos escenarios máis relevantes como poden ser o Festival Umore Azoka de Leioa, a Feria de Teatro de Castilla y León Ciudad Rodrigo, a MIT de Ribadavia, o Festival de Teatro Clásico de Alcántara, o Festival Internacional Miguel Torga en Mondim de Basto (Portugal), entre outros. Foi tamén recoñecido con diversos galardóns, entre eles os Premios María Casares en distintas categorías ou coa candidatura como finalistas á Mellor Dirección e Mellor Texto para Santiago Cortegoso nos Premios Max con Raclette.

Comentar

Su dirección de correo electrónico no será publicada.Los campos necesarios están marcados *

*

En Ferrol360 utilizamos cookies para que tengas la mejor experiencia de usuario. Si continúas navegando, estás dando tu consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies. Puedes pinchar el enlace para tener más información. ACEPTAR
Aviso de cookies