Home / Cultura / Martín Sanjurjo: «Muchos ‘me gusta’… pero logo vas aos concertos, e dos 500 me gusta, hai sete persoas»

Martín Sanjurjo: «Muchos ‘me gusta’… pero logo vas aos concertos, e dos 500 me gusta, hai sete persoas»

ARY LÓPEZ | Venres 1 novembro 2013 | 14:23

Heteroxeneidade. Esta é a palabra que máis me presta empregar para definir a un grupo formado por diferentes xeracións, diferentes orixes, diferentes estilos e influencias musicais.

Martín Sanjurjo podería ser o pai de Amparo Calvo e esta, á súa vez, a nai de Dubi Lamas.

Balakandra é un sexteto peculiar, unha combinación difícil de atopar na actualidade e que consegue fuxir dos patróns musicais pechados para abrirse a un universo de acordes infinitos, de ritmos moi variables e de letras pensadas para chegar a calquera parte do mundo.

Precisamente na diversidade dos seus músicos está o segredo da súa orixinalidade. Froito das distintas naturezas individuais xorde algo grande, produtivo, de riqueza única e distinción.

Na noite do xoves, Balakandra subíu ao escenario da capela do Centro Cultural Torrente Ballester, para espirse ante un público que contemplou atento como a mestura de varios estilos acada unha sonoridade propia e inconfundible.

Eles son: Martín Sanjurjo (guitarra, dobro, mandolina e voz); Amparo Calvo (percusións e voz); Manuel Dopico (voz, guitarras acústica e clásica); Abel Leonardo (guitarras acústica e eléctrica), Rubén Lamas (baixo) e Alejandro Rey (batería e percusións). Os tres veteranos diante, e os tres máis novos detrás. Compartindo, ensinando, contaxiando e demostrando que a simbiose musical non entende de idades.

Antes do concerto, FERROL360 mantivo unha conversa amigable e familiar cun conxunto que transmite respecto e admiración mutua.

FERROL360 – A quen se lle ocorre un nome como Balakandra?

MARTÍN – A un que xa non está no grupo. O nome do trío inicial era Folsenjái, que parece alemán, pero ao final quedamos con Balakandra. Non significa nada pero favorece os errores en prensa: Balandraka, Bakalandra.. cada vez que sae en prensa miramos a ver se escribiron ben o nome.

360 – Para os que non vos coñezan aínda, pero si saiban quen eran Saraibas. Que queda deste grupo en vós?

MARTÍN – De Saraibas non queda nada, porque facemos un rollo moi distinto, pero queda un dos fundadores e unha das compoñentes do grupo durante quince anos, que é Amparo. Aproveitamos algúns temas, adaptándoos ao tipo de música que nós facemos e seguiremos facendo, porque as letras seguen chegando.

RUBÉN – As letras de Saraibas, aínda que son de hai trinta anos, seguen estando vixentes a día de hoxe.

MANOLO – Ademais de ser unha referencia importante, coa súa forma de cantar e compoñer.

360 – Ano e medio despois de publicar o voso primeiro traballo xirando por toda Galicia, que vos pide o público, cal é a súa resposta?

MARTÍN – A miña opinión é que aínda non somos coñecidos… porque hai que ter outro tipo de empuxe ou unha peza concreta que saia nos medios galegos. Pero tampouco hai programas de música no país e non sae case nada dos nosos grupos.

RUBÉN – A xente o que se queda é sorprendida da variedade das nosas cancións, unhas que soan a canción de autor, pop, a rock, a country… porque cada un vimos dun estilo diferente. O bonito de Balakandra é que mestura todo, e iso é o que lle choca á xente.

O primeiro e único disco de Balakandra gravouse a comezos de 2012 nos estudios “A Ponte” de Santiago de baixo a produción de Tomás Ageitos

O primeiro e único disco de Balakandra gravouse a comezos do ano 2012 nos estudios ‘A Ponte’ de Santiago baixo a produción de Tomás Ageitos

Balakandra durante a proba de son na capela do Torrente Ballester (Foto: Ary López)

Balakandra durante a proba de son na capela do Torrente Ballester (foto: Ary López)

360 – Nos tempos virtuais que vivimos, onde estar na rede é unha cuestión de relevancia, parécevos unha ferramenta útil para chegar a un público de masa ou preferides outro ámbito de actuación máis familiar, propio do ‘boca a boca’?

MARTÍN – Á miña idade non teño moita fe nos medios actuais pero comprendo que hai que usalos. Muchos me gusta, muchos me gusta… pero logo vas aos concertos e, dos 500 me gusta, hai sete persoas. A proba téñoa aquí, que veño tódolos xoves ás Noites na Capela, e me parece incrible que coa cantidade de músicos que hai non veña máis xente a velos. Igual hai que cambiar o sistema.

MANOLO – Iso é un problema xeral. A xente deixou de ir a calquera acto cultural.

MARTÍN – Ademais, ao tema cultural os medios en xeral danlle pouco tratamento. Os sucesos enchen as páxinas e as cadeas.

RUBÉN – Pero precisamente as redes sociais botan unha man niso, compartes e chegas a moita xente.

AMPARO – Nun xornal ás veces, para ver os espectáculos da fin de semana, tes que poñer os lentes e buscar se atopas un cadro coa información.

360 – Como é unha xornada de ensaio? E como se asentan os temas?

MARTÍN – O ensaio é moi difícil. As circunstancias nosas son complicadas. Manolo está en Vilagarcía, Abel vén cando pode, Álex está en Vigo… Ensaiamos por parroquias. Coordinar horarios, ensaiar por grupo instrumental e logo voces.

Despois tamén hai que chegar a un consenso. A nivel musical, todos poñemos da nosa parte. A min gústame así, a eles doutra maneira… e entre todos cedemos porque eu podo estar equivocado.

AMPARO – Esa é unha herdanza de Saraibas: dun grupo grande, acordar algo conxunto. Unha parte importante de que Balakandra funcione así é polo bo rollo que temos, a pesar de que nos diferencian moitas cousas entre cada un de nós.

MANOLO – Si. Por exemplo, cando aínda eramos tres (Farru, Manolo e Martín) buscabamos un baixista, e Farru propuxo a Dubi porque lle caía ben. Non miramos se tocaba ben, senón que conxeniara con nós.

360 – A que grupos da comarca lles seguides a pista?

RUBÉN – É difícil dicir un. Penso que neste recuncho temos moita sorte coa variedade de música e temos moito onde escoller.

MANOLOOs Cempés ou músicos como Cabe García ou Roberto Grandal son artistazos.

MARTÍN – A calidade dos nosos grupos medrou moito, porque antes a maioría eramos autodidactas, pero agora case todo o mundo ten estudos musicais.

360 – Proximamente vanse cumprir os dez anos de Balakandra, iredes a por un segundo fillo en 2014?

MARTÍN – Vai ser moi pronto, pero algo faremos no décimo aniversario. Igual para o 2014 non, pero para o seguinte si. De todos modos, no concerto de hoxe, imos tocar catro temas novos de estreo.

MANOLO – Nós nunca tivemos présa, non vemos o disco como a nosa última meta. Cando teñamos ben os novos temas e pensemos que poden ser interesantes, farémolo.

RUBÉN – Para min a experiencia de gravar un disco foi impresionante, así que cando queirades… ¡repetimos!.

A vindeira actuación de Balakandra será o próximo martes, na Casa das Crechas en Santiago de Compostela.

Comentar

Su dirección de correo electrónico no será publicada.Los campos necesarios están marcados *

*

En Ferrol360 utilizamos cookies para que tengas la mejor experiencia de usuario. Si continúas navegando, estás dando tu consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies. Puedes pinchar el enlace para tener más información. ACEPTAR
Aviso de cookies