Home / Ferrol / Fene / Menos refugallo nos ríos da comarca despois dunha fin de semana de limpeza simultánea

Menos refugallo nos ríos da comarca despois dunha fin de semana de limpeza simultánea

ARY LÓPEZ | Luns 30 setembro 2013 | 19:18

Arredor duns 400 quilos de lixo puideron recollerse no día de onte nos contornos fluviais da nosa comarca nunha xornada de limpeza de ríos simultánea.

Da iniciativa que vén da man da Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA), o programa Móllate polos ríos, enmarcado no Proxecto Ríos de educación ambiental, pretende concienciar á cidadanía da conservación dos nosos ecosistemas.

Dende o ano 2008 levan organizando xornadas anuais de limpezas en diversos concellos de toda Galicia. Da nosa bisbarra, tres foron os concellos que decidiron dedicar parte da fin de semana a mollarse polos ríos. Decenas de voluntarios e voluntarias achegáronse a Fene, Ferrol ou San Sadurniño para prestar as súas mans e o seu esforzo nos labores de procura dunhas augas máis limpas e unhas beiras libres de escollos e material contaminante.

No Concello de Ferrol adiantouse para o sábado a xornada de recollida que desenvolveron membros do colectivo ADEGA-Trasancos. Dous participantes percorreron o río da Sardiña, do cal obtiveron dez quilos de lixo.

No caso de San Sadurniño, a xornada de onte protagonizárona quince persoas que se trasladaron á parroquia de Bardaos para limpar un tramo do río que comprende dende a área recreativa da Bañoca ata o muíño do Castro. O resultado foi a recollida de máis de 150 quilos de lixo formado por ferros, plástico, vidro ou arames.

Pola súa banda, un total de 53 veciños que se achegaron a Fene visitaron da man da Asociación Etnográfica da Natureza (AETNA) os ríos Cádavo e Baa onde chegaron a recoller cen quilos de refugallo en cada un dos dous tramos.

O Concello de Neda tamén se sumou a esta iniciativa ecoloxista pero a levará a cabo o vindeiro fin de semana.

Dende ADEGA indican que «unhas 456 persoas axudaron a retirar preto de 10 toneladas de residuos na VI Limpeza Simultánea de Ríos en toda Galicia». O colectivo fai un balance positivo, agradecendo o esforzo de todo o persoal que fixo posible unha xornada máis limpa nos nosos espazos naturais. Malia todo, insisten en comunicar que o «voluntariado ambiental non é man de obra barata que poida suplir o traballo dunha administración» e considera que actividades coma esta poden axudar a mudar a situación actual das nosas augas.

Proxecto Ríos é un programa financiado por Augas de Galicia e a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, a través da Dirección Xeral de Sostibilidade e Paisaxe.

San Sadurniño foi un dos concellos que desenvolveu este domingo a xornada de limpeza simultánea de ríos (Foto: cedida)

San Sadurniño foi un dos concellos que desenvolveu este domingo a xornada de limpeza simultánea de ríos (Foto: cedida)

Comentar

Su dirección de correo electrónico no será publicada.Los campos necesarios están marcados *

*

En Ferrol360 utilizamos cookies para que tengas la mejor experiencia de usuario. Si continúas navegando, estás dando tu consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies. Puedes pinchar el enlace para tener más información. ACEPTAR
Aviso de cookies