FERROL360 | Martes 22 octubre 2019 | 14:54
O Mercado de Oportunidades Vila das Pontes, MOVA, celebrará os días 26 e 27 de outubro a súa XII edición na que participarán 23 locais coincidindo coa XXX Feira de Fungos e Cogomelos.
A iniciativa quere promocionar as compras no comercio de proximidade e está organizada pola Concellería de Turismo, Hostalaría, Comercio e Consumo que conta coa colaboración do goberno local a través da Asociación de empresarios, comerciantes e hostaleiros COHEMPO.
Elena López, concelleira de Hostalería, Comercio e Emprego indicou que «o MOVA é unha excelente oportunidade para que os establecementos comerciais ponteses poidan incrementar a súas vendas» así como «fidelizar novos clientes poñendo en valor a atención ao cliente e o servizo personalizado».
O mercado estará aberto, o sábado en horario de mañá, desde ás 10:00 ás 15:00 horas e, en horario vespertino desde ás 16:30 horas ás 19:00 horas e o domingo, desde ás 10:00 ás 19:00 horas.
Sorteo de premios
Habera postos de roupa infantil, moda de muller, deportes, agasallos, calzado, complementos, papelería, perfumería, saúde, roupa de fogar e produtos agrocomerciais, entre outros, que ofrecerán descontos e promocións especiais nos seus produtos.
Ademais, realizarase un sorteo de seis vales, tres cada día, o sábado e o domingo, ás 18:00 horas, por valor de 100 euros, entre todos os compradores, para gastar nos locais que participan nesta edición do MOVA.