FERROL360 | Sábado 5 novembro 2016 | 15:06
A escritora Miriam Ferradáns resultou gañadora do XXIX Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé. O xurado do premio, reunido no Círculo Mercantil e Industrial-Unidade de Fene, acordou seleccionar como a obra de Ferradáns – Dos nomes de fume– como a gañadora do galardón.
Na acta do xurado -formado polos escritores Lara Dopazo, Paco Souto e Eduard Velasco- saliéntase coma un valor do libro gañador «o fío narrativo que conduce a quen le ao longo de todas as páxinas». Tamén se pon de manifesto que «o conxunto, escrito cun estilo limpo e cunha clara vontade de construción dunha voz propia, goza dunha forte unidade e solidez».
Miriam Ferradáns Ferradas é natural do concello pontevedrés de Bueu e é diplomada en Traballo Social pola Universidade de Vigo. Na actualidade desenvolve traballos relacionados co ensino secundario.
No ano 2012 gañou o 3º premio do Premio Xuventude Crea co poema Novecomaoito. En 2013 obtén o 1º premio Rosalía de Castro de Cornellá con Decibel. Un ano despois faise co mesmo premio por unha obra titulada Ruído.
Xa máis recentemente, en 2016, acada o premio Francisco Añón de poesía coa obra Deshabitar unha casa e o 3º premio de poesía do concello de Ames cun poema sen título. Tamén participou no libro colectivo 6 poemas 6, Homenaxe a Federico García Lorca.
Ademais de desvelar o nome da gañadora desta nova edición do Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé, o xurado do certame quixo deixar constancia en acta da súa homenaxe ao poeta Francisco Cortegoso, gañador do Premio en 2013 e recentemente falecido.
O Premio Nacional de Poesía, que convoca anualmente o CMI Unidade de Fene, estableceuse en homenaxe ao poeta Xosemaría Pérez Parallé, tras o seu pasamento ocorrido en 1987. Desde o ano 2005 o Concello de Fene colabora coa convocatoria do certame, que premia un libro de poesía de autor/a inédito.
Ademais, o libro gañador publícase na prestixiosa editorial Espiral Maior, que conta coa máis extensa colección de poesía da historia da literatura galega.