FERROL360 | Xoves 11 maio 2017 | 12:29
Coa celebración do Día das Letras Galegas á volta da esquina, o Concello de Moeche programou un amplio calendario de actividades para conmemorar o mes das letras en torno á obra de Carlos Casares e da literatura galega no seu conxunto. Ademais, coincidindo coa festa das Letras, Moeche abrirá ao público un novo espazo cultural: o salón cultural Francisco Piñeiro.
O programa de actos comezará este sábado 13 maio cunha actuación do Coro Solfa. Formado por 25 persoas e baixo a dirección de Xosé Carlos Seráns Olveira, o coro ofrecerá un repertorio de obras de diferentes estilos, entre as que destacan as transcricións de temas populares galegos e portugueses e a difusión da nosa literatura a través do canto.
A cita será ás 19:30 horas no Castelo de Moeche e a entrada ao concerto é gratuita.
A música continuará o sábado 20 de maio da man do alumnado de violín do Conservatorio Xan Viñao de Ferrol. Ofrecerán un concerto acompañados ao piano por Alejandro Cubero e a violinista lria Rico. Será ás 18:00 horas, tamén no Castelo de Moeche e con entrada de balde.
O domingo 21 de maio é a data elixida para abrir as portas do novo local cultural Francisco Piñeiro, en Trieiro, Abade e con actuación da Coral Eixil. O Concello levou a cabo recentemente un proxecto de remodelación do coñecido como edificio de Protección Civil para transformalo nun espazo cultural.
Desde o Concello explican que o edificio levará o nome dunha persoa moi vencellada a Moeche, o profesor, etnógrafo e escritor Francisco Piñeiro. A cita, a partir das 17:30 horas.
Para rematar, o sábado 27 de maio Isabel Risco, Fran Rei e Pedro Brandariz porán en escea a obra de teatro Falar sen cancelas no salón cultural Francisco Piñeiro. Trátase dunha comedia dirixida a público adulto, que forma parte da Rede Cultural da Deputación da Coruña.
As entradas, a un prezo de tres euros, poderán retirarse desde media hora antes do espectáculo ou de forma anticipada na Casa da Concello en horario de mañá. A obra comezará ás 19:30 horas.