Ferrol360 | Luns 7 agosto 2017 | 10:58
O Concello de Moeche estrea unha páxina web remodelada e con novos servizos pensados para a veciñanza. De feito, desde o goberno local recalcan que a nova ferramenta dixital ten como eixos principais a participación veciñal, a transparencia e a usabilidade.
A nova web buscará ser unha vía de participación e transparencia para fornecer a información á veciñanza sobre servizos e actividades municipais ou a realidade asociativa do municipio, ao tempo, que para proxectar Moeche cara ao turismo.
O portal municipal conta cun deseño dinámico e intuitivo e novos contidos, pero a principal novidade é a comunicación directa a través a implementación de ferramentas novidosas que permiten que a veciñanza reciba nos seus teléfonos móbiles avisos urxentes como cortes de auga e árbores caídas, entre outros.
Inclúe a comunicación directa coa Alcaldía, os audios e textos das sesións plenarias, o estado de execución dos investimentos principais, un espazo para consulta de todas as redes sociais relacionadas co Concello e a comunicación veciñal a través dun mecanismo que facilita trasladar incidencias ao Concello e consultas á veciñanza sobre temas de interese municipal.
Ademais, as entidades contan cun espazo propio para comunicar as súas actividades e información.
Debate sobre el post