Home / Ferrol / Moeche / Moeche estrea novo mercado este sábado para poñer en valor os produtos locais de calidade

Moeche estrea novo mercado este sábado para poñer en valor os produtos locais de calidade

FERROL360 | Xoves 28 decembro 2017 | 11:13

A remodelada nave dos tecidos da feira de Moeche reabrirá as súas portas este sábado convertida en espazo multiusos e, principalmente, en mercado de proximidade no que atopar todo tipo de produtos locais de calidade.

O Mercado de Moeche inicia así a súa actividade con oito postos de alimentos frescos da zona e artesanía. Terá unha periodicidade semanal, todos os sábados de 10.00 a 14.00 horas, e contará con degustacións gastronómicas e espectáculos ao vivo.

O Concello busca así poñer en marcha unha nova canle ca que darlle saída á produción local e, ao mesmo tempo, converter o mercado nun referente onde se dean cita o sector agroalimentario e a clientela pontencial da zona.

A alcaldesa, Beatriz Bascoy, salienta que a iniciativa pretende «dinamizar a economía prestando especial atención á comercialización dos produtos locais e autóctonos, facilitándolles aos pequenos produtores un espazo agradable e ben equipado que sirva de punto de encontro coa veciñanza e tamén con quen visita Moeche».

Proxecto de remodelación

O proxecto constou de dúas partes. Por unha banda, se remodeló a antiga nave dos tecidos da feira cun investimento de 80.000 euros achegados pola Deputación da Coruña dentro da liña de créditos do POS+. Con estes cartos acometéronse obras de mellora da accesibilidade e de acondicionamento do entorno, ademais de pintar a nave, substituír canalizacións, instalar varandas no exterior e dotar o recinto de equipamento como conexión wifi e megafonía.

Por outra, o Concello levou a cabo a parte de dinamización comercial cifrada en 97.000 euros, subvencionados nun 61 % pola Dirección Xeral de Comercio e Consumo mentres que o 39 % restante corresponde coa parte municipal, financiada tamén con cargo á liña crediticia do Plan Único de Concellos da Deputación.

Con estas achegas levouse a cabo a preparación como mercado, onde se colocaron 24 expositores móbiles que poden agruparse en distintas posicións para dar cabida a entre 8 e 12 puntos de venda. O lugar conta tamén cunha zona de bar onde realizar todo tipo de degustacións gastronómicas e cun pequeno escenario que complementará a actividade comercial con música e outras propostas culturais.

Postos

O mercado conta cun posto de verduras e legumes, outro de queixos e produtos lácteos, un de pan e doces e outro de embutidos. Haberá tamén un punto de venda de peixe, outro de flores e agasallos e un posto de artesanía, que será rotatorio en función da demanda. O Concello reserva para uso propio outros dous expositores, que se utilizarán para expor «produtos de interese local ou veciñal», explicou Beatriz Bascoy.

A rexedora agradeceu «a implicación e as achegas ao proxecto» que fixeron os produtores e produtoras da zona e mostrouse esperanzada en que o Mercado de Moeche «axude a poñer en valor os nosos produtos e a crear un circuíto de venda sostible, capaz de manterse por si, baseado no coñecemento e na confianza mutua entre quen produce e quen compra».

Bascoy engadiu que o mercado tamén abre novas posibilidades para o turismo «ofrecendo un argumento máis para achegarse ao noso concello».

Comentar

Su dirección de correo electrónico no será publicada.Los campos necesarios están marcados *

*

En Ferrol360 utilizamos cookies para que tengas la mejor experiencia de usuario. Si continúas navegando, estás dando tu consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies. Puedes pinchar el enlace para tener más información. ACEPTAR
Aviso de cookies