Home / Eume / Cabanas / Música, mercadillo, xantar popular, cine e xogos infantís en Cabanas para celebrar Santa Marta

Música, mercadillo, xantar popular, cine e xogos infantís en Cabanas para celebrar Santa Marta

Ferrol360 | Martes 25 xullo 2017 | 14:39

Cabanas afronta desde este xoves catro días de xolda por todo o alto para celebrar a súa festa principal, a Romaría de Santa Marta. As Concellerías de Turismo e Deportes deseñaron un amplo programa de actividades con concertos, cross popular, cine ó aire libre, concurso de castelos na area, circo e maxia, xantar popular e mercadillo.

O piñeiral e o paseo da Madalena acollerán as actividades que se desenvolverán ata o domingo 30 de xullo. A programación comezará este xoves coa instalación de máis de 110 postos do Mercadillo de Santa Marta nos que poderemos mercar productos de artesanía, roupa, alimentación e adornos. O horario do mercado será de 10:00 a 22:00 horas, a partires do venres.

Os peques terán o seu día grande na xornada do venres 28 de xullo co VIII concurso de castelos na area na praia da Madalena. Todos os nenos e nenas participantes recibirán unha medalla e non é preciso realizar inscrición previa, só deben presentarse ás 11:00 horas cos seus cubos e palas.

Xa pola tarde, ás 18:30 horas, o paseo da Madalena acollerá o espectáculo do Mago Romarís Ilusións Ópticas e, a partir das 22:30 horas, cine ao aire libre no antigo campo de fútbol do paseo da Madalena coa proxección do filme El extraordinario viaje de T.S. Spinel.

Peter Punk e Circo Chosco chegarán a Cabanas o sábado con espectáculos de humor, trucos de maxia, sorpresas, malabares e globoflexia. A cita será a partir das 20:00 horas no paseo do piñeiral. A música empezará a sonar ás 22:00 horas no antigo campo de fútbol do paseo da Madalena con The Kids Band. Un grupo emerxente de rapaces moi novos que se atreve con grandes lendas da música como The Beatles.

E para os maiores, na mesma ubicación, concerto regreso aos 80 cos mellores temas de La Frontera, Nacha Pop, Los Secretos, Alaska e Loquillo, entre outros, da man da banda Nuevo Plan. A entrada é de balde e a cita comezará sobre as 23:00 horas.

Para pechar a programación da Romaría de Santa Marta 2017, o domingo 30 de xullo, haberá deporte, música e xantar popular. A xornada arrancará co cross popular con centos de corredores de todas as idades, que percorrerán un circuíto que pasará integramente polo piñeiral.

As persoas interesadas en participar aínda poden inscribirse no Concello de Cabanas ata este xoves ás 14:00 horas. As inscricións poden realizarse no teléfono 981 49 59 59 ext. 3 ou no correo: cultura@cabanas.gal. De xeito excepcional, no lugar da carreira, tramitaranse inscricións ata unha hora antes da saída, na carpa habilitada pola organización.

A música comezará ás 12:30 horas co grupo local Airiños do Frade, que realizarán un pasarrúas para animar a festa. Unha hora máis tarde, no antigo campo de fútbol do paseo da Madalena, concerto de SonBoleros. Un cuarteto formado por contrabaixo, voz, piano e percusión, que renden homenaxe á música latina con boleros e tangos.

O xantar popular está programado para as 15:00 horas, no piñeira, cun menú que inclúe empanada, churrasco, patacas, xeado, bola e café ao prezo de 15 euros. A música regresará ás 17:30 horas con Airiños do Frade no piñeiral e para pechar as festas, ás 19:00 horas, concerto de Carlos Bau & 80 razones.

Será no escenario instalado no antigo campo de fútbol nunha homenaxe aos vocalistas e formacións do pop nacional da década dos 80. Versións das cancións máis coñecidas de Los Secretos, Ronaldos, Mecano, Radio Futura ou Sabina.

Comentar

Su dirección de correo electrónico no será publicada.Los campos necesarios están marcados *

*

En Ferrol360 utilizamos cookies para que tengas la mejor experiencia de usuario. Si continúas navegando, estás dando tu consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies. Puedes pinchar el enlace para tener más información. ACEPTAR
Aviso de cookies