Home / Cultura / Música, teatro e sendeirismo, esta fin de semana en San Sadurniño

Música, teatro e sendeirismo, esta fin de semana en San Sadurniño

FERROL360 | Venres 26 setembro 2014 | 16:44

Fin de semana intensa en San Sadurniño, cunha morea de actividades para todos os gustos e que van desde a música ata o teatro e pasando incluso polo sendeirismo cun cometido ambiental. Así, o sábado haberá concertos na Casa da Cultura dentro da VI Xornada da Cultura Popular, que organizan os Berros do Castro.

Ademais, en Santa Mariña ofrecen maxia e teatro para toda a familia co gallo do San Loureiro. Mentres, para o domingo hai preparada unha nova edición da campaña Móllate polos ríos, que prevé limpar durante a mañá un tramo do Castro, entre Igrexafeita e Naraío.

A VI Xornada da Cultura Popular arrancará pola mañá cun obradoiro de birimbau, para o que foi necesaria inscrición previa -xa non hai prazas-, e a partires das 20:00 horas darán comezo os concertos cos profesores do obradoiro, Che Vázquez e Almeida. Despois, actuará a formación de música tradicional Xente Nova.

Unha vez remate a música, dous pesos pesados do folclorismo, Alberto Jambrina e Pablo Madrid, ofrecerán unha conferencia na que poderemos descubrir a riqueza da música tradicional zamorana e ata que punto influiu nela a galega. Jambrina e Madrid xuntarán comentarios con pezas interpretadas con voz e múltiples instrumentos.

O programa complétase cunha exposición do debuxante e deseñador Calros Silvar titulada Unha ollada natural. Recolle unha vintena de láminas orixinais sobre natureza dun grande detalle e rigor científico. De feito, estes cadros de animais, cogomelos e plantas convertéronse en ilustracións para libros e guías sobre natureza. A mostra pode visitarse ata o 6 de outubro na Casa da Cultura.

Móllate polos ríos

Este domingo celébrase unha nova edición da campaña Móllate polos ríos, impulsada por Adega. En San Sadurniño hai unha vintena de persoas apuntadas, aínda que non ter inscrición tampouco será impedimento para sumarse á convocatoria. O punto de encontro situouse no local da asociación de veciños Adiante de Igrexafeita a iso das 10:00 horas.

Maxia e teatro en Santa Mariña

A parroquia de Santa Mariña celebra o San Loureiro e incluiu na súa programación actividades da oferta de descentralización cultural do Concello. Así, o sábado, a partir das 18:00 horas, o local social da parroquia acollerá a actuación do Mago Benxamín, que ofrecerá un espectáculo con números do repertorio clásico da maxia, pero tamén outros de creación propia.

Ás 19:00 horas tocaralle a vez á compañía teatral Os Ghazafelhos cos seus Contos para escagarriñarse. Trátase dunha obra para toda a familia que lle gustará especialmente aos nenos e nenas e na que Montse Piñón, Jorge Casas e Pepablo Patinho fan unha disparatada parodia dos contos de medo. Tanto a maxia como o teatro son con entrada libre.

Comentar

Su dirección de correo electrónico no será publicada.Los campos necesarios están marcados *

*

En Ferrol360 utilizamos cookies para que tengas la mejor experiencia de usuario. Si continúas navegando, estás dando tu consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies. Puedes pinchar el enlace para tener más información. ACEPTAR
Aviso de cookies