FERROL360 | Mércores 11 maio 2016 | 11:52
«Promocionar unha actividade que esmorece, apostando conxuntamente pola artesanía clásica da madeira pero sen deixar de lado a innovación». Ese é o principal obxectivo da Asociación de Torneiros de Madeira “Virutas”, que se acaba de constituír en Narón.
O seu presidente, Adolfo Mira, anunciou que iniciarán «proximamente» a súa actividade, primeiro nas asociacións de veciños e nos centros de maiores da zona para dar a coñecer o seu traballo.
Cuncas, xarras, diversos artigos de artesanía e xoguetes, son algunhas das pezas que este colectivo realizará nas diferentes sesións de torneado que ten previsto organizar nas feiras e festas populares da nosa comarca.
A concelleira de Cultura, Marián Ferreiro, felicitou aos impulsores desta iniciativa e subliñou a importancia de «apostar por manter vivas este tipo de profesións, moi vencelladas á economía de Galicia hai moitos anos».
A Asociación de Torneiros de Madeira “Virutas” ten a súa sede no lugar da Faísca, na parroquia do Couto. As persoas interesadas en formar parte dela deberán poñerse en contacto coa ferretería Canaima de Ferrol -rúa Mestre García Niebla,12-, onde están dispoñibles as fichas de inscrición. Os socios realizarán un curso no que adquirirán unha serie de coñecementos básicos sobre a materia e deberán pagar unha cota anual de 40 euros.
Parabéns á nova asociación. Permítolle suxerirlles que lle cambien o nome: «viruta» é unha palabra da lingua castelá. Non existe tal en galego.