Home / Cultura / Nace o proxecto I Semana Poética no Eume

Nace o proxecto I Semana Poética no Eume

REBECA COLLADO | Ferrol | Martes 11 agosto 2015 | 11:00

Falar de Pontedeume é falar de poesía, dos versos de Ramiro Fonte e Eva Veiga. Con este telón de fondo, faise máis que necesaria unha iniciativa que reivindique estas figuras, que achegue a poesía a todos os recunchos da comarca, que eduque ás novas xeracións nunha corrente que, se ben é minoritaria, o certo é que acolle cos brazos abertos a todos os que se adentran nela.

O proxecto da I Semana Poética no Eume busca «amosar unha poesía viva, presente e corpórea, que permita a súa atractiva aproximación á poboación da bisbarra», segundo indican na páxina de Facebook da iniciativa. Falamos co seu promotor, Xosé Abeledo, para coñecer un pouco máis a fondo este evento, que gaña adeptos cada día que pasa.

Xosé cóntanos que pertence a diferentes grupos poéticos e cando regresou á zona de Ferrol pensou que era o momento de poñer en marcha un proxecto deste tipo porque «a parte da Semana de Poesía Salvaxe non hai nada». Así que empezou «a bulir na cabeza» e «sendo de Pontedeume e tendo a Eva Veiga, Ramiro Fonte e Antonio Fraga debullei este proxecto».

Unha vez que tiña claro que «algo hai que facer» púxose mans á obra e comezou a buscar colaboracións. «Sumouse xente como Antonio Fraga, de Pontedeume, e que foi Premio Merlín, e pola parte de Ferrol colabora Xurxo Gago». Pero a idea foi crecendo e entre os colaboradores e participantes podemos atopar nomes de primeira liña.

Están Xurxo Souto, Mercedes Queixas, Mercedes Doval e Verónica Martínez, entre outros. «Contamos con xente premiadísima, que no eido cultural galego é número un», indica Xosé, que advirte ademais que «estamos recabando moitos apoios. Todos os días nos chaman e nos din que queren participar». Apoios que constatan que o proxecto está tendo moi boa acollida.

Programa de actos

O proxecto da I Semana Poética no Eume desenvolverase ao longo dunha semana, en data aínda por determinar, e están programadas diferentes actividades. Así, haberá un obradoiro nos colexios e institutos para achegar aos rapaces á poesía. «Vaise traer para nenos pequenos a unha poetisa para que se inicien na poesía. Vai ser moi especializado porque chegar aos nenos é arduo», confesa Xosé.

Mentres, aos institutos irá un poeta e lerán o seu libro. «Xa falei cos profesores e entrará como lectura obrigada» para os alumnos, explica. Tamén haberá un día de poesía en feminino coa participación dunha poetisa nova, que estea a dar os seus primeiros pasos, e outra xa consagrada e premiada dentro do eido poético.

Tendo en conta a importante figura de Ramiro Fonte, tamén está programado un roteiro polos «lugares de Pontedeume máis vencellados á súa figura e participarán poetas que recitarán poemas del e poemas propios de cada un». Por último, celebrarase o Concurso Poético Eva Veiga co que se procurará a eclosión e divulgación de novas obras.

Xosé comenta que Eva Veiga «está disposta a participar en todo, contamos co seu apoio e encántalle a iniciativa». Ademais, apunta que «para próximos anos queríamos traer un concurso poético a nivel galego e, en galego nada máis, para a promoción da lingua», así como a participación dalgún cantautor como Ramiro Casavella ou Amancio Prada.

Vocación de futuro

Xosé confía en que a I Semana Poética no Eume sexa a primeira de moitas e por iso sinala que, a pesares de que o programa desta edición está pechado, os interesados en participar poderán facelo en vindeiras edicións. Apunta ademais que unha das ideas é «sumar concellos da comarca do Eume» no futuro, sen esquecer que «Ferrol está aí e para nós é un referente. Non podemos desligar Ferrol de Pontedeume e Pontedeume de Ferrol».

O proxecto da I Semana Poética no Eume agarda conquerir o respaldo e apoio, tanto económico como institucional, do Concello de Pontedeume e da Deputación da Coruña. Desde Ferrol360 só podemos desexarlle a mellor das sortes.

Comentar

Su dirección de correo electrónico no será publicada.Los campos necesarios están marcados *

*

En Ferrol360 utilizamos cookies para que tengas la mejor experiencia de usuario. Si continúas navegando, estás dando tu consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies. Puedes pinchar el enlace para tener más información. ACEPTAR
Aviso de cookies