Home / Cultura / Narón abre o prazo de inscrición no Festival de Comparsas de Entroido

Narón abre o prazo de inscrición no Festival de Comparsas de Entroido

FERROL360 | Martes 19 febreiro 2019 | 8:44

O Padroado da Cultura de Narón xa ten aberto o prazo de inscrición para participar no Festival de Comparsas de Entroido organizado para o vindeiro 2 de marzo. O desfile partirá ás 17.00 horas desde o pavillón da Mocidade, na Gándara, ata a pista polideportiva da Solaina e poderán participar un máximo de dez comparsas, sete de Narón e tres doutros concellos.

As persoas interesadas en anotarse poden facelo ata o vindeiro día 22 de febreiro nas instalacións do Pazo, en horario de 9.00 a 14.00, debendo cubrir unha ficha cos datos da comparsa e do seu representante e maís seis copias das letras a interpretar no festival.

O Padroado da Cultura asignará, como cada ano, unha axuda económica ás comparsas participantes, que será de 800 euros para as de Narón, co 75 % como mínimo dos seus compoñentes que residan na cidade; 400 para as doutras localidades e tamén 400 euros para as convidadas, o Padroado resérvase a posibilidade de convidar algunha para participar nos actos do Día do Entroido en Narón.

Así mesmo, tal e como se especifica nas normas de participación nos actos do Entroido, as comparsas de Narón que participen no programa de dinamización hostaleira e do comercio local percibirán unha aportación económica a maiores de 100 euros, co que poderán obter unha axuda total dun máximo de 900 euros.

Cada comparsa debe estar formada por un mínimo de quince persoas, na súa maioría con máis de 14 anos, e disporá dun tempo máximo de dez minutos para actuar. Os temas das cancións das comparsas deben ser obrigatoriamente locais e empregar o galego.

Concederanse tres premios, que consistirán nunha figura en recordo do Día do Entroido. O xurado que os outorgará estará formado por unha persoa de cada comparsa e un representante do Padroado da Cultura. No momento da puntuación valorarán a orixinalidade dos disfraces, o enxeño e a crítica realizada na actuación, a calidade musical e todos aqueles elementos da actuación vencellados á recuperación do Entroido en Galicia.

Comentar

Su dirección de correo electrónico no será publicada.Los campos necesarios están marcados *

*