FERROL360 | Martes 22 novembro 2016 | 11:40
Do o 23 de decembro ao 5 de xaneiro Narón levará a cabo unha nova edición do programa ConciliaEscola Nadal para nenos de entre 4 e 12 anos. O programa desenvolverase en dúas quendas no CRA de Domirón e o prazo de inscrición para participar xa está aberto ata o 2 de decembro. Os interesados deben entregar unha instancia no Rexistro Municipal e pagar unha taxa de 8,15 euros.
A primeira das quendas desenvolverase do 23 ao 29 de decembro e a segunda do 30 de decembro ao 5 de xaneiro. O Concello, que conta cunha subvención da Deputación da Coruña para desenvolver este programa, habilitou dous horarios, de 7.30 a 14.00 -con transporte só de volta- e de 9.00 a 14.00 horas -con transporte de ida e volta-.
Os autobuses realizarán paradas en todas as parroquias, se ben os horarios comunicaranse tras unha xuntanza previa ao inicio da actividade. As paradas estableceranse na Casa da Mocidade (Gándara); no polideportivo Campo da Serra (Solaina); no Concello (Alto); nos Centros Cívicos de Piñeiros, San Mateo e Sedes; na Cooperativa do Val; no Pazo Libunca (San Xiao); no Paraxe (Castro), e xunto ás igrexas de Doso e Pedroso.
Os participantes, que deberán estar empadroados en Narón e cumprir unha serie de requisitos na súa unidade familiar, terán a oportunidade de participar nunha gran variedade de actividades artísticas e de inglés; de educación para a igualdade, convivencia, e saúde e tempo libre, todas elas mediante o xogo.
As persoas interesadas en recibir máis información poden dirixirse ao Servizo Sociocomunitario, chamando ao número de teléfono 981 337 7 00 (Extensións: 1113 e 1115).