Home / Cultura / Narón abre o prazo de inscrición para participar no Festival de Entroido

Narón abre o prazo de inscrición para participar no Festival de Entroido

FERROL360 | Luns 15 xaneiro 2018 | 11:01

O Padroado da Cultura de Narón abre este luns o prazo de inscrición para as comparsas que desexen participar no Festival de Entroido. As agrupacións poden anotarse ata o día 31 de xaneiro nas oficinas do Pazo da Cultura, en horario de mañá, e deben entregar seis copias das letras a interpretar e os datos persoais do representante da comparsa.

A convocatoria está limitada á participación dun máximo de sete comparsas de Narón e tres doutros concellos, que se seleccionarán por estrita orden de inscrición. Todas as formacións participantes recibirán axudas económicas por parte do Padroado da Cultura: 700 euros ás de Narón, o 75 % dos compoñentes deben residir na cidade, e 350 euros ás convidadas e doutros municipios.

Para poder participar no Festival, as comparsas deben cumprir unha serie de requisitos, entre os que están o feito de que cada comparsa debe falar de temas locais de Narón e empregando sempre o galego nas súas letras e tamén estar formada por un mínimo de quince persoas, a maior parte con máis de 14 anos.

Cada agrupación disporá dun tempo máximo de dez minutos para actuar, facendo uso do bo humor para amosar a súa visión crítica do pasado ano. Ademais, as comparsas de Narón deberán facer dúas actuacións máis, unha delas na súa parroquia e a outra noutra da localidade e se é posible, realizando un percorrido pola mesma.

O Padroado poderá convidar a maiores a outra comparsa de Narón ou de fóra para actuar o Día do Entroido na cidade.

Premios

As tres mellores comparsas optarán a tres premios, que consistirán nunha figura en recordo do Día do Entroido e que concederá un xurado que valorará a orixinalidade dos disfraces, o enxeño na crítica das actuacións, a calidade musical e tamén todo aquilo que relacione á actuación coa recuperación do Entroido en Galicia.

A maiores dos premios estipulados para as comparsas, haberá tamén un concurso de disfraces, nas categorías de adulto e infantil, nas que será novamente un xurado o que determine os premiados.

No caso dos adultos recibirán unha cesta con produtos do Entroido e os menores un lote de libros e entradas para un espectáculo do Pazo da Cultura. Para optar a estes premios será necesario inscribirse antes da actuación da primeira comparsa.

O Festival de Entroido celebrarase o 10 de febreiro, a partir das 17.00 horas, e consistirá nun desfile dende o pavillón da Mocidade, na Gándara, ata a pista polideportiva da Solaina, onde se celebrará o festival.

Comentar

Su dirección de correo electrónico no será publicada.Los campos necesarios están marcados *

*