FERROL360 | Domingo 1 maio 2016 | 10:50
Narón celebrará o I Congreso Galego de Seguridade e Educación Vial os días 28 e 29 de maio no auditorio municipal. Unha cita que se enmarca dentro do programa de actos co que se conmemorará a Semana da Educación Vial e Mobilidade, do 23 ao 29 deste mes.
A iniciativa conta co patrocinio da Deputación da Coruña e a Academia Galega de Seguridade Pública, entre outros. As persoas interesadas en inscribirse poden facelo, de balde, a través desta web, ao estar limitado o aforo do auditorio.
A inauguración será o día 28 de maio ás 10:00 horas e o relatorio inaugural correrá a cargo de Bartolomé Vargas, fiscal de sala e coordinador de seguridade viaria da Fiscalía Xeral do Estado. Tomaralle o relevo, sobre as 11:10 horas, Francisco González Llanos, xefe do Servizo de neurociruxía do hospital Virgen de la Salud de Toledo.
Xa na queda de tarde, ás 16:00 horas, o alcalde de Pontevedra, Miguel Ángel Fernández Lores impartirá unha conferencia titulada «Construción de cidades seguras». O programa do sábado inclúe tres mesas de traballo –ás 12:20, 17:00 e 19.30, respectivamente- sobre seguridade, tráfico e consecuencias; proxectos e plans urbanos de seguridade viaria e mobilidade, e educación viaria e formación na etapa escolar.
O domingo abrirase o programa cun relatorio sobre «Coordinación de programas de educación vial», con María Victoria Gómez, xefa provincial de Tráfico da Coruña. A mesa de traballo contemplada para a xornada final comezará ás 11:30 horas e abordará o tema das «Estratexias para a coordinación de programas de educación viaria en Galicia».
Semana da Educación Vial e Mobilidade
Na semana do 23 ao 29 de maio desenvolveranse diferentes actividades relacionadas coa seguridade vial e a mobilidade dirixidas a todos os públicos. Sonia López, do equipo de Educación Vial do Concello de Narón, subliña que cada día se adicarán diferentes sesións a colectivos específicos: menores, embarazadas, maiores, etc.
Entre as propostas están talleres teórico-prácticos –nos que tamén colaborarán o equipo de Emerxencias Narón e a Policía Local-; presentación de curtos nos colexios; camiñatas; presentación dun libro sobre Educación Vial ou un taller para embarazadas na piscina municipal da Gándara, apuntou.
«A nosa idea e seguir educando en valores porque para nós a educación vial é prevención», indica Simón Cabarcos, o equipo de Educación Vial do Concello de Narón. Asimesmo, anuncia que no marco destas campañas trasladarase a Narón unha «casa de evacuación», unha vivenda hinchable coa que se realizan simulacros de evacuación.
Un paso máis na Educación Vial
O edil de Seguridade Cidadá, Guillermo Sánchez Fojo, lembra que o Concello de Narón empezou a desenvolver diferentes traballos relacionados coa Seguridade Vial hai xa dez anos no colexio da Solaina, agradecendo a colaboración de todas as comunidades educativas, asociacións e entidades pola súa implicación.
«Este congreso está máis ben dirixido a técnicos e persoas que traballan con este tema nos concellos, que nos dará experiencia, nos permitirá mellorar servizos e tamén seguir colaborando con outros municipios», apunta Sánchez Fojo.
O alcalde, José Manuel Blanco, salienta a calidade do programa deseñado e subliña que «Narón está dando un paso máis dentro do que é a Educación Vial». O rexedor asegura que «somos un dos concellos que máis traballou con este tema nos últimos anos e así o demostran os recoñecementos recibidos».
Así mesmo, o alcalde incidiu na «optimización dos recursos que temos entre os diferentes Corpos de varias localidades para desenvolver diferentes actividades en materia de Educación Vial». Ademais, Blanco engade que este Congreso «aportaranos experiencias para poder aplicar na rúa e nos colexios de Narón, como se está facendo na actualidade».